O Goberno de Inés Rey levará a pleno esta semana a aprobación dos convenios que permitirán a posta en marcha da nova estación intermodal, así como a aprobación definitiva da modificación do PXOM na Sardiñeira e a aprobación inicial do mesmo trámite en Joaquín Planells, cambios no planeamento precisos para poder poñer en marcha a nova estación.
O executivo de Inés Rey culmina así os trámites que permitirán iniciar as obras da estación, un proxecto que recibiu o impulso definitivo durante o actual mandato e que permitirá poñer en marcha os traballos previos durante ese mesmo exercicio, propiciando non só un profundo cambio na mobilidade, senón tamén unha mellora sustancial na calidade urbana dos barrios da Sardiñeira e os Mallos.
O Goberno municipal abordou hoxe na Comisión de Urbanismo ditos asuntos, que serán debatidos para a súa aprobación no pleno ordinario que se celebrará o xoves.
Os acordos suscritos permitirán a construción da nova terminal de autobuses e a reurbanización da contorna, así como traballos nas zonas comúns da estación. As actuacións previstas suporán un investimento de máis de 43 millóns de euros, dos que o Concello aportará algo máis de 14 millóns en diferentes anualidades.
A dita cantidade hai que sumarlle os case 50 millóns de euros que aporta o Estado para a adaptación da terminal do ferrocarril.
“Poñer en marcha as obras da nova estación intermodal era un dos compromisos do meu Goberno, como o foi a construción do tren a Langosteira; son dúas grandes actuacións que permitirán renovar completamente o transporte en ferrocarril na Coruña, tanto de viaxeiros como de mercadorías, e que por fin serán unha realidade”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.
Ademais, coas obras previstas a contorna da estación gañará calidade urbana, cun vial que una a avenida de Fisterra coa da Sardiñeira para dar acceso á terminal de autobuses e cunha maior permeabilidade entre a Sardiñeira e a avenida do Ferrocarril. O Concello, por outra banda, asumirá a construción dun novo aparcamento para dotar de máis prazas á futura estación e para dar tamén máis servizo ao barrio.