Esta mañá foi certificado o fin das obras de remodelación do campo de fútbol Monte da Aira de Velle, por un importe total de 183.928€ más dirección de obras e melloras. A empresa adxudicataria destes traballos foi Sergonsa Servicios S.L. Para comprobar in situ o estado esta instalación logo da súa mellora, o concelleiro de Deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes, Mario Guede, convidou aos integrantes do Consello Reitor do CMD a visitar esta instalación, cuxa obra contou co apoio de todos os grupos.
Cómpre lembrar que o uso das instalacións do campo de fútbol Monte da Aira veuse incrementado desde o ano 2017, cando comezou a adestrar nestas instalacións a Escola de Fútbol Feminino Rosalía de Castro.
Dado o avanzado estado de avellentamento no que se atopaban o edificio de vestiarios, lavandería e local social do Campo de fútbol Monte da Aira, fíxose imprescindible a remodelación destes espazos para que os usuarios, tanto do Velle CF como da EFF Rosalía poidan desenvolver a súa práctica de xeito confortable e seguro, xa que o mal estado das instalacións podía causar caídas, cortes ou lesións, con melloras significativas nos vestiarios e instalacións xerais. Este feito abrangue tamén ao público que asiste aos partidos e torneos que alí se desenvolven, polo que tamén se creou un aseo accesible a persoas con diversidade funcional.

“Continuamos cumprindo os compromisos dos últimos anos de mellora de instalacións deportivas de todos os barrios na nosa cidade, unindo esta obra en Velle ás xa realizadas no polideportivo da Carballeira, no campo de hockey de Mariñamansa, en Oira, no campo de Vilar de Astrés e Santa Cruz e no Pavillón de Os Remedios (onde están en marcha os traballos de mellora das pistas exteriores), entre outras, e con proxectos en marcha como o do campo de fútbol de Palmés”, sinala o concelleiro de Deportes, Mario Guede, quen agradece aos membros do CMD o seu apoio constante ás obras propostas.