O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, levará a cabo entre os meses de febreiro e xuño unha nova quenda de rutas teatralizadas no cemiterio de Santo Amaro, visitas que se retomaron en novembro do ano pasado tras estar paralizadas por mor da pandemia e que, na súa volta á actividade, supuxeron un éxito rotundo de asistencia.
Estas visitas nocturnas, que levan celebrándose desde o 2012, buscan ofrecer outra perspectiva do emblemático cemiterio de Santo Amaro, que neste 2022 cumpre 210 anos.
O actor e guía turístico Suso Martínez volverá interpretar a Fiz de Cotovelo, unha ánima en pena, guía da Santa Compaña e personaxe célebre de Wenceslao Fernández Flórez na obra ‘O Bosque Animado’, para amosar aos visitantes a profundidade e os segredos que agocha este espazo tan emblemático da cidade, un dos cemiterios máis antigos de Europa.
O novo calendario de visitas previstas, entre febreiro e xuño (sempre de 21.30 a 23.00 horas), é o seguinte:
- 12 de febreiro.
- 12, 19 e 26 de marzo.
- 2, 9, 23 e 30 de abril.
- 14, 21 e 28 de maio.
- 11 e 25 de xuño.
Un total de 20 prazas dispoñibles por visita
O actor e guía turístico Suso Martínez pon en valor a continuidade das rutas teatralizadas no cemiterio de Santo Amaro, “un lugar cheo de personaxes ilustres que, tamén desde o punto de vista monumental, é un dos máis importantes do continente, ademais da arquitectura histórica representada na Cidade dos Mortos”.
Martínez, que será novamente o mestre de cerimonias para viaxar polos recunchos do cemiterio coruñés, abunda na relevancia da literatura para coñecer a fondo a instalación. “Esta cuestión é moi relevante, porque hai unha gran homenaxe ás letras de Galicia entre os alí presentes”, estima. Ademais, este ano cúmprese unha efeméride: o 210º aniversario do cemiterio de Santo Amaro, “o que engade máis interese a este itinerario cultural”, pondera Suso Martínez.
A actividade estará limitada a un máximo de 20 persoas por grupo, que deberán inscribirse, achegando os seus datos persoais, a través da plataforma habilitada polo Concello. As visitas nocturnas a Santo Amaro acadaron un notable éxito desde o seu inicio, cubríndose sempre as prazas dispoñibles para coñecer, de noite e cun guía único, un cemiterio cun destacado valor histórico e cultural, único en Galicia e recoñecido internacionalmente.