O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, participou esta mañá na rúa do Gorgullón (no inicio da parte urbana do Camiño), no acto de presentación da Ultreia 2022 by Xacobeo 21-22, no que estiveron presentes o director xeral de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora; o director do xornal, Miguel Ángel Rodríguez; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López; o voceiro municipal do PP, Rafael Domínguez, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores, no acto de presentación da Ultreia 2022 by Xacobeo 21-22.
A iniciativa, nada en 2018 co obxectivo de potenciar a práctica da actividade física, reforzar o valor do Camiño de Santiago e xerar un impacto económico positivo nos municipios polos que discorre, leva recadados xa na presente edición 2.800 kilos de alimentos, 1.800 cueiros e material sanitario que, en colaboración con Fundiciones Rey, foron enviados a Ucraína.
A Ultreia, que nas súas tres primeira edicións sumou a participación de 678 persoas, leva formalizadas neste 2022 a inscrición de 356 camiñantes (superando así co récord de 2018) procedentes das catro provincias galegas, Portugal, Asturias, Cantabria e León. Desde o seu comezo, tivo un carácter solidario, destinando parte do recadado nas inscricións a Amencer en 2018, alimentos para Amigos de Galicia en 2019 e para Cáritas en 2020, ano no que foi a única marcha longa relacionada co Camiño de Santiago que se celebrou durante a pandemia (trasladouse ao mes de xullo).
Debido ao seu carácter festivo, consta de catro traxectos: corto (19 kilómetros ata O Porriño); medio (33 kilómetros ata Redondela); longo (40 kilómetros ata Ponte Sampaio), e o Ultreia (52 kilómetros ata Pontevedra). Haberá servizo de autocar de regreso á nosa cidade deste O Porriño, Redondela e Arcade.
A Ultreia xera un impacto económico directo e indirecto de 30.000 euros. O perfil dos participantes é o seguinte: 33 % mulleres de entre 50 e 70 anos; 20% homes de entre 50 e 70 anos; 15% mulleres de entre 40 e 50; 10% homes de entre 40 e 50; 7% mulleres de 30 a 40; 11% homes de 30 a 40, e 4% doutras franxas de idade.