O proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna', impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros, continúa a desenvolver os talleres divulgativos destinados a explicarlle ao alumnado o contido e o significado dos murais realizados durante a primeira fase do programa. Así, o equipo creativo de Polo Correo do Vento (Carlos Taboada e Kike Mauricio) e o músico Antón Ke protagonizaron onte unha sesión con 35 nenos e nenas de 2º de Primaria, 32 de 1º de Primacia e 25 de Infantil do CEIP Cabanas (Salcedo) e hoxe pola mañá achegáronse ata o CEP Marcos da Portela (Monte Porreiro) para compartir relatos orais e música con 37 rapaces de 2º de Primaria e 35 de 1º de Primaria.
Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, "as figuras centrais da intervención artística efectuada nos accesos ao CEIP Cabanas son a mestra e pedagoga Ernestina Otero e o enxeñeiro agrónomo, xenetista e veterinario Cruz Gallástegui". A parte superior do mural amosa unha vasta viaxe no tempo, ao representar a parte máis antiga da historia do colexio, coas cabanas prehistóricas, os petróglifos de Mato das Cruces, o Castro das Moas e os Muíños do Batán. Na parte inferior ten lugar a historia máis recente da súa contorna, vencellada á Misión Biolóxica, que desde 1928 ten as súas instalacións no Pazo de Gandarón, en Salcedo. Á esquerda do mural, Ernestina Otero leva de excursión ao seu alumnado, e á dereita, Cruz Gallástegui amósalles como se realiza a polinización do millo.

No caso do mural interpretado esta mañá no CEP Marcos da Portela, o poeta do século XVIII natural de Monte Porreiro que lle dá nome ao centro educativo e que Sarmiento cita nas súas coplas é un dos principais protagonistas. "Ademais da personaxe inmortalizada por Valentín Lamas Carvajal na primeira publicación en galego, bautizada co nome de O Tío Marcos d’a Portela, nesta intervención artística tamén aparece (na súa parte baixa) o propio Pai Sarmiento, escribindo sobre o poeta ao abeiro do Carballo de Santa Margarita, patrimonio natural da nosa cidade, e en presenza dunha vacaloura", sinala Tino Fernández. Da outra beira, dende o Mirador de Monte Porreiro, enxérgase o tramo final do río Lérez e abaixo, á esquerda, aparece representada Josefa Iglesias Vilarelle, mestra de Mourente, autora dun Método de Lectura en Galego (o primeiro do seu xénero) que foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932.





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





