O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asiste esta tarde ao acto do Día das Letras Galegas organizado pola Asociación de veciños de Ponte Sampaio, logo de dous anos de paro pola crise da Covid. Nesta ocasión, o acto tivo que trasladarse ao 18 de maio dado que unha das participantes nos actos é a académica Margarita Ledo -onte en Valdeorras no plenario da Academia- que ofrecerá unha conferencia sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán.
O acto comezará ás 18.00 horas na Biblioteca de Medal que acolle unha exposición sobre a riqueza arqueolóxica e monumental da parroquia, así como unha exposición bibliográfica de exemplares de gran valor que van dende a primeira homenaxeada no Día das Letras, Rosalía de Castro, até o autor actual, Florencio Delgado.
A continuación, o presidente da asociación fará un breve enxalzamento da figura de María Viñals, marquesa de Soutomaior pola súa transcendencia no eido do feminismo e do xornalismo, e dará a palabra á académica Margarita Ledo.
Florencio Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) en 1903, fundou Vieiros en México, onde se exiliou trala Guerra Civil. A Academia Galega destaca a súa obra poética; a súa militancia nos valores democráticos que defendeu até a súa morte; a divulgación das terras de Valdeorras, dende a súa cultura até o seu patrimonio histórico e lingua; e o entusiasmo que as institucións e veciños e veciñas de Valdeorras puxeron para que fose o homenaxeado das Letras Galegas de 2022.