A concelleira de Deportes de Santiago, Esther Pedrosa, acompañada polo presidente da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), Luciano Fernández, presentou esta mañá esta carreira solidaria que se celebrará o domingo 18 de setembro e transcorrerá pola Alameda e o Campus Sur de Santiago. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 15 de setembro nas modalidades de carreira ou de andaina.
"Camiñar polo dano cerebral" é mirar polos demais, chamando a atención sobre a situación do colectivo de persoas con esta discapacidade, e coidarse a un mesmo, practicando exercicio para manter uns hábitos saudables que nos protexan do ictus. Así o explicaron esta mañá a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da FEGADACE, Luciano Fernández, na rolda de prensa de presentación da Carreira e Andaina Solidaria 'Camiñando Polo Dano Cerebral' que vai ter lugar o domingo 18 de setembro en Santiago.
Un ano máis, o Concello presta o seu apoio á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), neste caso para a organización desta actividade cuxo obxectivo é o de promocionar o exercicio físico, como un dos hábitos fundamentais para evitar o sedentarismo, a obesidade e reducir os niveis de estrés, condicionantes que constitúen factores de risco do ictus, a principal causa do dano cerebral adquirido.
Tamén colaboran na organización do evento a Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle, o centro Encuentra tu Potencial, a Federación Galega de Atletismo e Consellería de Política Social, así como máis de dúas ducias de empresas e entidades patrocinan e/ou apoian de diferentes maneiras, e que se poden ver no cartel da carreira e andaina solidaria.
A concelleira Esther Pedrosa animou a toda a poboación compostelá a participar, camiñando ou correndo, por esta causa solidaria e salientou o interese da cidade por promover uns hábitos saudables a través do deporte.
'Camiñando Polo Dano Cerebral' por Compostela
A cita deportiva, que ofrece a posibilidade de participar correndo ou camiñando, consiste nun circuíto que vai percorrer sendeiros e rúas da Alameda e do Campus Sur compostelán. O percorrido exacto, así como as demais condicións e normas de participación, pódese consultar no regulamento da carreira. Esta comeza ás 10:00 no punto de saída e meta: o monumento a Manuel Ventura Figueroa (avenida Antonio Raimundo Ibáñez, Campus Sur).