A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dispuxo esta mañá o reparto de 15.000 certificados de bo comportamento que o Concello de Lugo lle fará chegar ás e aos máis pequenos da casa a través dos centros escolares da capital.
Nas misivas, a rexedora dá traslado a Papá Noel e aos Reis Magos do esforzo que as crianzas lucenses fixeron durante todo o ano,ao tempo que os insta a cumprir as súas peticións tanto persoais como para a cidade, polas que tamén lles pregunta.
"Estas datas son, sen dúbida,idóneas para recoñecer o gran traballo que os nosos nenos e nenas realizan para cumprir os obxectivos que se lles marcamos dende a casa e no colexio. Por iso queremos trasladarlles publicamente que estamos moi orgullos de todas e todos eles, non só pola súa conduta senón tamén pola afouteza que nos demostran, enchendo de alegría e satisfaccións os nosos fogares nuns momentos tan complexos como os que estamos a vivir e nos que o seu optimismo resulta vital para a sociedade", enxalzou Lara Méndez.

A alcaldesaagradeceu a colaboración da comunidade educativa para posibilitar que ningún rapaz ou rapaza quede sen a súa carta e explicou que haberá máis exemplares dispoñibles tanto no Mercado de Nadal como na Casa Consistorial, onde se atopan algunhas das caixas de correo para entregalas.
"De todas elas daremos traslado aos seus destinatarios e, no caso das súas Maxestades de Oriente eu mesma llas farei chegar de forma persoal na recepción que temos previsto ofrecerlles o próximo día 5 de xaneiro", afirmou a rexedora.
Méndezcontinúa, así, cunha iniciativa xurdida trala pandemia que se acompañará de moitas outras sorpresas dirixidas ao público infantil de Lugo e que se irán celebrando nos próximos días nos diferentes barrios do municipio así como no Mercado de Nadal instalado na Praza Maior.