O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valora o Entroido 2023 da cidade como "o mellor de todos os tempos". Subliña o rexedor que "o medible non é opinable", e destaca a masiva participación de público desde o Xoves de Comadres até o Mércores de Cinza: "Foi o mellor Entroido de sempre, con 7 días completos de festa, o que antes eran celebracións que se centraban en apenas 2 ou 3 días. Foi todo realmente un éxito", conclúe o alcalde, que agradeceu a participación do público: "as ducias de miles de persoas que realmente fixeron posible o mellor Entroido de todos os tempos".
A celebración, detalla Pérez Jácome, empezou co Xoves de Comadres, "que as veces que se celebrou fíxose timidamente noutras mandatos, neste 2023 milleiros de persoas tomaron o centro histórico ateigando a praza maior". Do venres, o alcalde cualifica de "xenial" o desfile escolar, no que participaron case 2.000 nenos e nenas, xunto co "exitosísimo desfile de Entroidos da provincia", que percorreu o centro da cidade "con máis participantes e espectadores que o de 2022, que xa fora xenial".
O ambiente festivo encheu tamén a praza maior durante as tardes do sábado, do luns e do martes con espectáculos infantís, ademais das animacións matinais; e o sábado pola tarde, cidadáns e cidadás tomaron as rúas para pasear e amosar os seus traxes de grupo, con cheos xa desde as 20.00 horas na Praza de Santa Eufemia.

Pérez Jácome resalta que "o sábado e o luns pola noite foron a mellores noites ourensás de todos os tempos e de calquera festexo, con cheos simultáneos en Alameda, Praza Maior, Praza Santa Eufemia, Praza do Correxidor, Praza de San Martiño, Praza do Ferro, Praza do Trigo, Praza dos Suaves.... con máis de 25.000 persoas que gozaron a noite ourensá de Entroido. O domingo pola tarde "tivemos o desfile con máis público de sempre -con ringleiras de ata 7 persoas a cada lado dos valados-, excelentes charangas e cheo na Alameda con Assia e King África", continuou.
A participación masiva proseguiu o martes pola tarde, no que se degustaron 14.000 orellas de Entroido e 7.000 persoas asistiron ao espectáculo da orquestra vespertina: "Isto xamais sucedeu un Martes de Entroido, que antes do noso mandato eran festivos sen absolutamente festa na rúa". Finalmente, como colofón "a pesar da choiva cos ceos chorando a fin do Entroido, tívose un luxoso Enterro da Sardiña, populoso, cunha carruaxe de luxo tirada por dous maxestosos cabalos, e cunha pantalla xigante onde centos de persoas que non estaban nas primeiras filas presenciaron a queima da sardiña".