O Concello de Ourense abriu onte ao público seis novos parques infantís acondicionados para o desfrute da cativada nos diferentes barrios da cidade. Están emprazados na rúa Silvio Fernández (O Couto), Serra Martiñá (Os Rosais), Praza da Marina (A Ponte), Valle Inclán (centro cidade), a carón da igrexa da Asunción (As Lagoas) e na confluencia da rúa San Froilán con San Rosendo (A Ponte). Os traballos supuxeron un investimento de 235.000 euros para a subministración e instalación de novas unidades de xogos infantís, pavimento de seguridade, en caucho continuo, e mobiliario auxiliar, para levar a cabo a renovación integral, posta en valor e adaptación á normativa vixente de seis parques que existían na cidade e precisaban unha reforma completa. O de maior superficie é o da rúa Silvio Fernández con Francisco Asorey, cun total de 330 metros cadrados.
18 parques novos nun mes
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Fernández, lembrou que estes 6 novos parques súmanse aos 12 inaugurados o pasado día 6 de marzo (nas rúas A Bela Otero, Francisco Añón Paz, Río Mao, Xosé Luís López Cid, San Rosendo, Laza, Xoán de Nóvoa, Álvaro Cunqueiro, Mendinho, Serra de Queixa, Ponte Pelamios, e Virxe de Fátima). Son, en total, 18 actuacións que entraron en servizo en menos dun mes. A este respecto, Fernández Martín asegura que "neste mandato teranse construído 42 novos parques infantís dos 105 que existen na cidade, o que supón a maior construción de parques infantís da historia do Concello de Ourense".
