A sétima edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera 2023 daralles a coñecer a ourensáns e visitantes, desde hoxe até o 1 de maio, a riqueza gastronómica da cidade a través de 50 pinchos elaborados por outros tantos establecementos hostaleiros da cidade. Esta mañá tivo lugar a tradicional foto de familia, que xuntou os gañadores da edición anterior con organizadores e patrocinadores, na praza do Ferro, e que dá inicio a esta cita organizada pola Concellería de Turismo e Termalismo e desenvolvida pola Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO).
Participan 50 locais nesta edición, na súa maioría emprazados no Centro Histórico (29), pero tamén no Ensanche (8), na avenida de Bos Aires (4), no barrio de San Francisco (3), na zona universitaria (2), na Ponte (2), na zona do Hospital (1) e no Couto (1). Os pinchos varían entre os 2,50 € e os 3,50 €, con alternativas para persoas celíacas, e participar na votación do público pode ter premio.
O cartel da presente edición é obra da lucense Marta Castro, do estudio Hei Castro.
