O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, mantivo este xoves un encontro no Pazo de San Marcos con representantes da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de San Xoán de Pena, que celebrarán a Feira do Entroido de Nadela este sábado, 3 de febreiro, tras anos de parón e co apoio da Deputación de Lugo. Fernández felicitou ao colectivo por recuperar esta cita, á que á institución provincial achega 6.000€, e animou a todos os veciños e veciñas a achegarse a Nadela "para desfrutar en familia dun día cheo de diversión, tradición e celebración".
As portas do recinto feiral, que estará situado nunha carpa na carballeira de Nadela, abrirán ao público ás 9:00 horas, con postos que porán á venda produtos típicos do Entroido. Haberá tamén polbo, filloas de Muimenta e artesanía. Ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades, e a entrega de premios aos vendedores concorrentes. A continuación, presentarase a canción oficial da Feira de Nadela, composta por Diego Flâneur & Ünder; e ás 13:00 horas dará comezo o pregón a cargo do arqueólogo Roberto Pena Puentes. Pola tarde, ás 17:00 horas, dará comezo o baile de traxes de Entroido, e ás 20:00 horas terá lugar o consurso de traxes nas modalidades infantil, adultos e grupal.
