O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu esta mañá no salón de recepcións do Concello o acto de toma de posesión de tres novos oficiais da Policía local, que acceden ao cargo tras superar o correspondente proceso selectivo. Durante a súa intervención, o rexedor destacou "o compromiso do goberno local por seguir fortalecendo o corpo de Policía Local con profesionais ben preparados, que garantan a seguridade, a convivencia e a proximidade coa cidadanía".
Fernández felicitou persoalmente aos novos oficiais, a quen animou a "exercer a súa función con responsabilidade, proximidade e vocación de servizo público". Así mesmo, puxo en valor o traballo diario de todo o corpo de policía e o seu papel fundamental na estrutura de servizos municipais. "Lugo é unha cidade moi segura. Non é unha opinión, así o avalan os datos e as estatísticas. E este logro é posible grazas, en gran medida, ao traballo conxunto que leva a cabo a nosa policía co resto de forzas e corpos de seguridade", apuntou Fernandez.

"Parabéns por este merecido ascenso. Para nós, continuar completando o organigrama da Policía local é unha prioridade e se ademais, como é o caso, é co ascenso e incorporación de xente nova que aoprta moita formación, moitas ganas e unha grande vocación de servizo, é ainda un orgullo maior", proseguíu o rexedor.
Con estas incorporacións, o Concello reafirma a súa aposta por reforzar os recursos humanos en materia de seguridade, mellorando a capacidade operativa e de resposta da Policía Local fronte aos retos do día a día. O acto concluíu coa firma oficial da toma de posesión e a felicitación institucional por parte do equipo de goberno.