A Deputación de Lugo suspende durante o día de hoxe e mañá as rutas en catamarán que ofrece polo río Sil para facilitar os labores de extinción dos lumes. A institución provincial responde así á petición do Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia, encargada da coordinación e xestión da extinción dos incendios forestais, para permitir que os hidroavións poidan recargar con seguridade os depósitos de auga.
Esta medida prolongarase os vindeiros días en caso de ser necesaria e as persoas que se vexan afectadas poderán optar á devolución do importe do billete ou cambialo para realizar a ruta noutra data.
O Presidente da Deputación e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, enmarcou esta medida na colaboración e boa disposición que "ofrecemos desde o primeiro momento coa Xunta de Galicia, para traballar de forma coordinada, con responsabilidade, solidariedade e lealdade institucional".
Nese sentido, informou que seguindo as instrucións do Cecopi, os operativos dos parques provinciais están actuando nos lumes que afectan á Pobra do Brollón.