Pontevedra acollerá entre este mércores 12 e o domingo 23 de outubro nove campionatos do Mundo de diferentes disciplinas de Grappling e Loitas Olímpicas, converténdose deste xeito na cidade que organizará a competición máis grande do calendario internacional deste deporte e na que, por primeira vez, se celebrarán uns torneos mundiais tan extensos. Un evento que, atendendo ao número de competidores e á representación internacional, será o máis importante que albergue España despois dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992: preto de 1.800 acreditados que representarán a 74 países sobre os 3 tapices oficiais de Loitas Olímpicas de 12 x 12 metros instalados no Pavillón Municipal dos Deportes.
Un amplísimo despregue loxístico, humano (unhas 70 persoas, entre staff directo e alumnado de Ciencias do Deporte) e de infraestruturas que tamén inclúe a montaxe dunha carpa de 55 metros cadrados na parte traseira do Pavillón (destinada a quecemento e adestramento) e o emprego do Recinto Feiral para que os deportistas poidan xantar e realizar as pesadas durante os 12 días de competicións. Un reto que as federacións Galega e Española de Loita lograron levar a cabo grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, a Deputación e a Secretaría Xeral para o Deporte e que terá un enorme impacto positivo a nivel turístico e económico tanto na cidade como nos municipios veciños, xa que o aloxamento dos equipos estará dividido entre Pontevedra e Sanxenxo, deixando un retorno moi elevado para a provincia.
O espectáculo está garantido cun deporte que está a medrar de xeito exponencial, aumentando sobre todo na competición feminina, xa que as mulleres representan un tercio dos competidores das Loitas Olímpicas e, no caso do Grappling e o Grappling-Gi, o 50% das inscricións, sendo a competición de maior repercusión mundial no crecemento do deporte feminino que se celebra en Pontevedra. En concreto, a cidade poderá desfrutar nestas dúas semanas dos seguintes campionatos do Mundo:
- Cto. do Mundo U-17 de Grappling (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo U-17 de Gappling-Gi (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo U-20 de Grappling (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo U-20 de Gappling-Gi (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo Absoluto de Grappling (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo Absoluto de Gappling-Gi (masculino e feminino)
- Cto. do Mundo U-23 de Loita Feminina
- Cto. do Mundo U-23 de Loita Libre Olímpica
- Cto. do Mundo U-23 de Loita Grecorromana
Ademais de poder desfrutar dos talentos emerxentes destas disciplinas a nivel internacional, os afeccionados galegos poderán vibrar animando a unha representación autonómica que, en Loitas Olímpicas, estará en mans de Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces), e en Grappling e Grappling-Gi, nas de Vanesa Muiños (IQ Fight de Porriño), María José Raja (Sportfight de Ferrol), José Manuel Eyo (Camm Santiago), Pablo Vázquez (Graiño Team de A Coruña) e Ramón Placer e Marcos González (Sportfight de Ferrol).
A propia Nerea Pampín protagonizou esta mañá no Concello un acto de presentación oficial dos campionatos no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o secretario xeral para o Deportes, José Ramón Lete; o presidente da Federación Galega de Loita, José Luis Olazábal; o xerente da Federación Española de Loita, Luis González Moreno, e mailo técnico da Federación Galega Pablo Pintos. A loitadora sinalou que "competir nunha competición deste nivel é sempre emocionante e facelo na casa aínda máis", algo que xa tivera oportunidade de sentir en 2019, cando se celebrou o Campionato de Europa na nosa cidade. "Máis emocionada aínda -matizou Pampín- porque é o meu último campionato como sub 23, xa que non participarei nesta categoría o ano que vén. Tódolos focos están postos en min e a miña cara está por toda a cidade, polo que un pouco de presión si que a sinto. É certo que Rusia é un referente en loita e que nos quitamos a uns deportistas moi fortes, pero seguen quedando moitos países do Leste que están a ter o mesmo nivel que Rusia e incluso máis, como é o caso de Ucrania, así que a competición segue sendo complicada".
Un fito histórico cun enorme retorno económico para a provincia
Tino Fernández calificou a celebración destes campionatos como "un fito histórico, que sitúa a Pontevedra no centro do mundo das loitas olímpicas e da organización deportiva, xa que organizar nove campionatos do Mundo é un luxo, un orgullo e unha responsabilidade que estamos seguros de cumprir, cun Pavillón dos Deportes cunha pista recentemente remodelada e que pode dar resposta a tódalas necesidades". O socialista lembrou que, tras este evento, a nosa cidade xa ten reservado no seu calendario un Campionato do Mundo Júnior para 2024, facendo fincapé no feito de que, ademais de fomentar o deporte e os hábitos saudables, este tipo de competicións "teñen un efecto moi importante sobre a economía local, e neste caso sobre a provincial, posto que a cidade non ten capacidade para abastecer de hoteis a todos os que nos visitan".
"Pontevedra está 'petada', os hoteis están cheos, a hostalería está funcionando a un nivel moi alto, e nun momento no que actividade económica é tan importante, a tempada de turismo xa rematou e hai un menor trasfego de xente, resulta fundamental este retorno económico", apuntou o tenente de alcalde.
Gorka Gómez afirmou que "estamos ante o evento de loita internacional máis importante da historia, polo que é fundamental que o poñamos en valor e que as tres administracións xuntas sigamos apostando por este tipo de competicións, de relevancia mundial e con participantes de tantos países, e convertendo a Pontevedra na provincia do deporte". "Hai moitísimos voluntarios traballando para que esta cita sexa posible e un enorme esforzo do Concello e dos técnicos municipais para que as instalacións estean dispoñibles e poidan acoller a toda esta cantidade de xente. Tódolos eventos que se celebran na cidade Pontevedra sempre teñen éxito grazas ás persoas que están detrás", apuntou o deputado provincial de Deportes.
Segundo José Ramón Lete, "desde o ano 92, dos Xogos de Barcelona, non houbo outro evento semellante no ámbito da loita", co preludio que supuxo o Campionato de Europa de Loitas Olímpicas de 2019, "no que nos demos conta de que Galicia sabe loitar". "Hoxe presentamos un grande campionato de Mundo, que son nove, en diferentes disciplinas -aseverou o secretario xeral para o Deporte- e nos que teremos aos nosos mellores deportistas.
O xerente da Federación Española de Loita asegurou que "aquí, en Pontevedra, onde hai moitos anos xa organizamos uns campionatos de España en idade escolar, xa pasamos por tódalas categorías ata a Sénior e celebramos multitude de campionatos nacionais, nos sentimos como en casa". Ao seu xeito de entender, estes campionatos do Mundo supoñen "un paso moi importante, que non vai ser o último, e que estamos convencidos de que vai ser un éxito".
José Luis Olazábal subliñou que "este é o maior evento que se fixo na historia das loitas desde que están implantadas neste país e tamén o máis grande a nivel internacional", ao tempo que agradeceu a confianza que a Federación Española depositou en Galicia e Pontevedra para a súa organización.