A luz do Nadal pontevedrés comezará a brillar nas rúas da nosa cidade a partir de mañá coa inauguración do espectacular decorado que a Concellería de Promoción Económica e Turismo, en colaboración coas firmas especializadas Inblooom (de Begoña Méndez) e Grupo Xesdavi, instalou no Mercado de Abastos. A estrea oficial terá lugar ás 12:30 horas na Praza Municipal nun acto público que estará presidido pola concelleira da área, Yoya Blanco, e polos edís de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Social, Iván Puentes e Marcos Rey, e no que tamén participarán a parlamentaria Paloma Castro; o presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), José María Corujo; o da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Jesús Rey; o da Asociación de Empresarios Hostaleiros (Hoempo), Daniel Lorenzo, e membros de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCUZM) e do colectivo de vendedoras.
Blanco anima a tódolos pontevedresas e pontevedresas a achegarse ata as instalacións da rúa Serra "para sacar a primeira fotografía do Nadal pontevedrés na nosa magnífica burbulla photocall" e avanza que "os que vaian pola noite alucinarán cun atrezzo que, literalmente, nos somerxerá de cheo nun océano de ilusión". Tal e como prometera a edil do PSOE, os elementos decorativos e de iluminación que exhibirá o Mercado de Abastos, nos que se fixo un investimento de máis de 40.000 euros, non deixarán indiferentes a ninguén e despregarán un universo de fantasía protagonizado por tres fascinantes peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que presidirán a fachada; tres esferas inchables: unha bola de 80 cm de diámetro, unha de 60 cm e outra de 50 cm; unha burbulla photocall de dous metros de diámetro dotada dunha plataforma cunha mensaxe de Feliz Nadal e os logotipos do Mercado e a Concellería de Promoción Económica, e unha composición de burbullas de varios tamaños na fachada.

Asemade, a intervención de Inbloom inclúe unha montaxe central que combina bolas de fantasía con bolas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e amaranto nas zonas de acceso; o recubrimento da parte superior das bancadas dos postos de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde; diversas grilandas con elementos naturais; un arco realizado con elementos vexetais colgantes (para dar sensación de túnel) na entrada principal; a vexetación interior da burbulla photocall e árbores para as ventás da fachada. No que atinxe á iluminación, instaláronse 15 focos Led W600, 6 bolas de espellos de 50 cm e 5 de 20 cm, un microled icicle no arco de entrada e 6 tiras de bombillas de dous metros.