O Concello de Ourense quere achegar a infancia ao medio natural e promover o respecto pola súa contorna máis próxima, e este sábado retoma os obradoiros temáticos no parque de Montealegre. Neste primeiro trimestre haberá talleres de máscaras e disfraces de Entroido, elaboración de zoolóxicos con cartolina e outros materiais reciclados e rutas para observar o parque.
Entre os obxectivos desta programación, o Concello quere dar a coñecer o parque de Montealegre, impulsar a imaxinación e a creatividade dos participantes, fomentar a reciclaxe e a prevención de residuos, propoñer alternativas de lecer á tecnoloxía e incentivar a participación da rapazada en actividades sociais. Desenvolveranse en fin de semana en horario de 16.00 a 18.00 horas de forma gratuíta.
As prazas son limitadas, polo que haberá que anotarse previamente no enderezo de correo electrónico sm.p.montealegre@gmail.com ou no teléfono 988.388.135.
