A Deputación de Lugo detectou "graves irregularidades" no proxecto de trazado da Xunta de Galicia para a segunda fase da Ronda Leste. Así o anunciou o Presidente provincial, José Tomé Roca, quen explicou este xoves nunha rolda de prensa na Sala de Xuntas as alegacións que a institución vén de presentar, no trámite de exposición pública, á proposta da Administración autonómica para o treito da nova vía entre o enlace coa LU-530 e a N-VI, baseadas nos informes elaborados polos servizos técnicos da Deputación.
"Non farán nin un só metro de obra este ano"
José Tomé subliñou que queda confirmado "o que xa manifestei cando se presentaron os Orzamentos da Xunta para o ano 2023. Os anuncios que fixeron sobre a Ronda Leste son un engano, unha mentira e unha burla ós lucenses porque non van facer nin un só metro de obra este ano. Polo tanto, o investimento que ían facer neste 2023 de 6M€ non se vai executar".
Ao mesmo tempo, ante este proxecto de trazado, tamén queda demostrado para o Presidente da Deputación que a Consellería de Infraestruturas e a súa titular, a Conselleira Ethel Vázquez, "son uns chapuceiros e fan unha xestión desastrosa, técnica e politicamente".

Recalcou que "todo o que está feito a día de hoxe da Ronda Leste é obra do Goberno autonómico do Presidente Emilio Pérez Touriño, que, en catro anos, construíu a primeira fase desta circunvalación, e deixou licitada a elaboración do proxecto da segunda fase".
Pola contra, cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta no 2009 "paralizou todo", relatou José Tomé, incidindo en que "durante 14 anos non fixeron nada, mesmo chegaron a borrar a Ronda Leste dos Orzamentos da Xunta".
"Sacaron o proxecto do caixón por interese electoral, como se fose un anónimo"
Neste ano electoral, "e cando a ex Alcaldesa de Mondoñedo quere aspirar á Alcaldía de Lugo", subliñou, "sacan este proxecto do caixón do esquecemento por puro interese electoral, como se fose un anónimo". Unha afirmación que avalou recordando que a actual candidata á Alcaldía de Lugo "votou en contra de que a Xunta de Galicia dotase de orzamento á segunda fase da Ronda Leste cando era Deputada provincial en iniciativas que se debateron no Pleno".
Polo tanto, "votou e foi en contra desta infraestrutura esencial para os lucenses, pero agora, que lle ten que pedir o voto ós lucenses, di que a quere", aseverou.
Ademais de "chegar tarde, chegan mal", recalcou o mandatario provincial, tal e como determinan os informes técnicos da Deputación de Lugo, xa que o proxecto de trazado "presenta graves irregularidades".
"Estamos a favor de construír a Ronda Leste, pero non a calquera prezo"
Antes de entrar a detallar as alegacións, o Presidente deixou claro que a Deputación Provincial de Lugo "está a favor de construír a Ronda Leste, porque consideramos que é moi necesaria, pero non se pode facer de calquera maneira, nin a calquera prezo. Por iso alegamos".
Neste sentido, asegurou que a Xunta "incumpre as súas propias Leis, as normativas e procedementos que esixe á cidadanía e ás outras administracións, con moito máis empeño cando non son da súa mesma cor política".