O Concello de Ourense puxo en marcha as ramplas mecánicas da rúa da Concordia. Estarán en funcionamento cada día desde as 7 da mañá até as 12 da noite para facilitar a mobilidade peonil nesta rúa da cidade, salvando a pendente existente entre a rúa do Progreso e a Praza das Mercedes.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, explica que esta é "a primeira dunhas vinte actuacións que deberían vai acometerse en Ourense cidade, xa que "vivimos nun val e é necesario salvar esas diferencias de altura que temos entre unas zonas e outras".
O proxecto executado polo Concello na rúa da Concordia consta de 7 corredores de última xeración cunha distancia lonxitudinal de aproximadamente 250 metros e que salvan unha cota que ten unha porcentaxe media do 7%.
"Van ser un eixe que vertebre Ourense como ningunha cidade de España", asegura Pérez Jácome, quen advirte que as ramplas de Concordia "posiblemente sexan as máis usadas de toda España. Non é doado atopar uns elevadores mecánicos que transporten tanta xente por minuto como van transportar estes".

Gonzalo Jácome entende que con estes elementos mecánicos "vai haber un antes e un despois para a mobilidade na cidade, sobre todo para a xente maior pero tamén para a mocidade".
Acto vandálico
O Concello de Ourense tivo que realizar esta mañá traballos de reparación das ramplas mecánicas da rúa da Concordia, logo de que, na súa primeira noite de funcionamento, fosen obxecto de actos vandálicos que inutilizaron 5 dos 7 elementos de mobilidade.
O goberno municipal condena este acto de sabotaxe a unha infraestrutura pública, e lamenta que na cidade de Ourense as persoas responsables destas accións non respeten uns elementos de mobilidade que si funcionan con total normalidade noutras cidades españolas, e causen danos a uns elementos de mobilidade que son de todos e de todas e molestias á poboación ao impedirlle usalas.
O Concello de Ourense incrementará desde hoxe a vixilancia das ramplas.