Respectando a programación previamente comunicada, ao día seguinte no que a anterior rexedora de Lugo, Lara Méndez, efectivizou a súa renuncia ao cargo de alcaldesa, o Grupo Municipal do Partido Socialista deu a coñecer o nome da persoa que a relevará nese posto: a actual voceira do Goberno e concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos.
O Grupo Municipal ao completo realizaba o anuncio este sábado, o único emitido oficialmente polo Concello.
Paula Alvarellos recibirá o bastón de mando da cidade nun Pleno Extraordinario que se celebrará o próximo xoves, 18 de xaneiro, e que será convocado este mesmo luns.
A noticia confirma o referido nestes últimos días polo equipo de Goberno, non só en canto á vontade de difundilo posteriormente ao cese da anterior mandataria local, en tempo e conforme aos prazos establecidos, senón tamén de darlle continuidade ao proxecto impulsado por ela en 2015 co que se materializou a segunda gran transformación de Lugo, garantindo así a estabilidade do Executivo e o acordo programático deseterminado para o mandato.
"A decisión - incidiu o Grupo Municipal - é mostra da cohesión interna que nos une e froito dun proceso de reflexión e diálogo levado a cabo polos concelleiros e concelleiras dende a responsabilidade que implica o desempeño do servizo público, pero tamén dende a xenerosidade e a defensa do ben común. É, por tanto, un nomeamento de consenso, baseado na convicción de que todas e cada unha das persoas que integran o equipo resultan igual de valiosas, polo seu perfil, coñecementos e experiencia, independentemente do lugar que ocupan. Porque todas e cada unha resultan imprescindibles para acadar o obxectivo máis importante que temos: continuar traballando para que Lugo avance nun futuro de progreso, igualdade e prosperidade para todos e todas".