O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este mércores no acto de homenaxe do 900 aniversario do nome Rovoyra Sacrata, un termo medieval que foi mudando co paso dos anos ata dar lugar á actual denominación da Ribeira Sacra. Esta cita, que tivo lugar no Mosteiro de Montederramo situado neste municipio ourensán, estivo organizada polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e reuniu a numerosas autoridades, entidades e institucións relacionadas con este xeodestino.
Na súa intervención, Carlos López subliñou a relevancia histórica deste aniversario, "900 anos transcorreron desde que se mencionou, por primeira vez, o termo medieval Rovoyra Sacrata e foi na carta de fundación deste lugar tan emblemático no que hoxe nos atopamos: o Mosteiro de Montederramo."
O Deputado salientou a relevancia desta conmemoración, que reúne a entidades, institucións e representantes dos 26 municipios que conforman este xeodestino, para honrar tanto a denominación orixinal como o territorio único que representa a Ribeira Sacra. "Esta é a ocasión perfecta para poñer en valor a historia, a cultura e a beleza natural que podemos atopar na Ribeira Sacra, un enclave único no que os visitantes poden desfrutar dun entorno paisaxístico extraordinario e, en definitiva, dunha experiencia inesquecible", engadiu.

Carlos López tamén destacou o compromiso da Deputación de Lugo coa promoción dun modelo turístico de calidade, sostible e respectuoso coa riqueza patrimonial da comarca. "Este 900 aniversario é unha oportunidade para renovar os nosos lazos coa nosa historia, pero tamén para mirar cara adiante con esperanza e determinación. Como representantes públicos, o noso deber é apoiar e impulsar todas aquelas iniciativas que contribúan ao benestar da nosa xente e á preservación do noso legado", afirmou.
Ademais, o Deputado fixo referencia á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, unha aspiración colectiva que conta co apoio decidido da Deputación de Lugo: "Estamos nun momento histórico crucial para esta comarca. Desde a Deputación de Lugo estamos comprometidos e apoiando esta candidatura para que este soño, que é o de todos nós, se faga realidade".
Rematou o Deputado agradecendo a todas as persoas e entidades que fixeron posible este encontro, resaltando que "con unidade e perseveranza, seremos quen de seguir escribindo as páxinas da nosa historia con orgullo e dignidade".