A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta vai iniciar os trámites para abrir nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid unha nova sede da Oficina Económica de Galicia coa previsión de que estea en funcionamento a mediados de 2025. O obxectivo, dixo, é "reforzar a implantación de empresarial e a captación de investimentos" para contribuír a implantación de empresas en Galicia.
Lorenzana, que mantivo un encontro co representantes da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), subliñou que con isto, o Goberno galego da un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia que permitirá continuar coa desburocratización como estratexia-chave da política económica do Goberno galego. "A Xunta busca converterse nunha Administración amigable para o tecido produtivo e dar unha resposta áxil, rápida e útil", dixo.
Durante a súa intervención, a conselleira avanzou que desde a súa entrada en funcionamento o pasado mes de abril, a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, leva atendidas 11.898 consultas, e máis dun 80 % resoltas no acto. Ademais, xa se levan concertado 517 reunións de asesoramento empresarial, para entre outros asuntos, abordar 179 proxectos de especial relevancia.
"Estamos falando xa de case 12.000 consultas atendidas en apenas sete meses, unha mostra clara do éxito que está a ter esta iniciativa e mostra tamén do necesario que era dotar á Administración autonómica dun servizo de atención especializada a empresas e próxima a empresas", subliñou.
A Oficina Económica de Galicia funciona coma unha canle única para a empresa e a industria e como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais. É dicir, "un punto de atención personalizado onde encontrar o que as empresas precisan, asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos seus proxectos", destacou.
Neste sentido, María Jesús Lorenzana, apuntou que para o crecemento de Galicia, da súa economía e da súa industria, "son vitais as empresas e é responsabilidade das Administracións facilitarlles as condicións apropiadas para o seu asentamento."
Así mesmo, no marco da política económica e industrial que está a levar a cabo a Xunta, explicou que para o 2025, se incremta o orzamento do Igape un 20% (ata os 278 millóns de euros) para seguir traballando en áreas fundamentais para o crecemento e a consolidación do tecido produtivo a través da competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento.
Finalmente, a titular de Economía e Industria, subliñou que o obxectivo do Goberno galego é posicionar a Galicia como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos investimentos da Comunidade, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos investimentos xa existentes.