Lugo acollerá en 2026 a Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH), o principal encontro anual do sector, no que participan 56 festividades de toda España. A designación fíxose pública ao rematar a asemblea deste ano, que tivo lugar en Xinzo de Limia.
A reunión desenvolverase os días 17 e 18 de abril do vindeiro ano, coincidindo co ano de celebración do 25 aniversario do Arde Lvcvs. Este fito subliña a consolidación dun proxecto cultural que converte Lugo cada mes de xuño nun escenario vivo do pasado, grazas á implicación de múltiples axentes da cidade: asociacións de recreación histórica, colectivos teatrais, centros educativos e outras entidades sociais que contribúen á súa ambientación e desenvolvemento.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, valorou este anuncio como "un novo impulso para seguir mellorando a calidade da festa e a súa proxección exterior, sempre desde o respecto á súa orixe e ao traballo colectivo que a fixo posible".

Bustos destacou tamén a importancia desta cita para visibilizar o traballo que se realiza durante todo o ano desde a Concellería de Xuventude: "O Arde Lvcvs é moito máis ca catro días de celebración. É un proxecto estruturado que aposta pola formación, pola participación cidadá e pola divulgación do noso patrimonio dende a seriedade e a colaboración".
A Asemblea Nacional da AEFRH reúne anualmente a representantes das festas integradas na asociación, promovendo espazos de intercambio, asesoramento e planificación compartida. A entidade forma parte, ademais, da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, o que lle outorga tamén un importante alcance internacional.
Neste contexto, Lugo situarase como punto de encontro de profesionais e colectivos que traballan en todo o Estado na posta en valor da historia e da identidade das súas cidades. A cidade será anfitrioa de sesións de traballo, actividades culturais e un desfile de festas participantes, reforzando así o seu papel como referente da recreación histórica.
"O Arde Lvcvs é unha festa que naceu do impulso da cidadanía lucense e da forza das súas asociacións, e que medra cada ano grazas á implicación do equipo técnico da área de Xuventude e á colaboración leal de todo o tecido social. Esa é a clave do seu éxito e do seu futuro", concluíu Jorge Bustos.