O Consello Municipal de Deportes de Ourense vén de inscribir a máis de 100 deportistas ourensáns como participantes nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, competindo en categorías feminina e masculina de balonmán, baloncesto, atletismo e natación, así como en fútbol 7 masculino e voleibol feminino. Todos eles irán acompañados polos seus respectivos adestradores e delegados.
Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán do 3 ao 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia, fundaméntanse nos principios de convivencia, deportividade e respecto mutuo entre todos os participantes. Ademais, coa fin de potenciar ao máximo o xogo limpo entre todos os participantes, establécese o galardón especial denominado “Trofeo Xogo Limpo Nelson Cardoso”, en base ao comportamento do conxunto dos integrantes das delegacións participantes.
![](https://pictures.lanocion.es/2022/marzo/24/cancha-central-remedios-3.jpg)
O concelleiro de Deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes (CMD), Mario Guede, recalca que “Ourense continúa a manter a súa implicación con estes xogos que fomentan a convivencia e os valores deportivos. A cidade, que xa foi sede destes xogos, sempre estivo ben representada e así seguirá sendo pola ilusión e compromiso dos nosos mozos e mozas”.