Case 2.000 gladiadores e gladiadoras de tódalas idades porán ao límite a súa forza mental e física esta fin de semana na VII Gladiator Race Pontevedra, unha carreira diferente, un reto, con certas doses de diversión, que poderán completar sós ou co seu Gladiator Team (con amigos, familiares ou compañeiros de traballo). A proba, organizada pola firma de xestión de eventos deportivos Noko 360 en colaboración coa Concellería de Deportes, desenvolverase na Illa das Esculturas o sábado 4 de xuño pola tarde nas categorías Gladiator Rocket (con máis de 6 kilómetros e 31 obstáculos) e Gladiator Warrior (máis de 11 kilómetros e 41 obstáculos), e o domingo 5 de xuño pola mañá na de Gladiator Kids (para menores de 3 a 12 anos acompañados dun adulto).
A espectacular carreira foi presentada esta mañá no Concello nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o organizador da proba, Serafín Martínez Acevedo, e representantes das firmas colaboradoras: o manager de Banco Mediolanum, Hugo Fernández; o seu family banker e supervisor, Sindo López; o coordinador do Banco de Alimentos de Pontevedra, José Luis Doval; o director de Landín Informática, Javier Landín, e o integador social da asociación Autismo Bata Mario Trigo. O rexedor municipal destacou a importancia "do exercicio físico non competitivo para a calidade de vida e a saúde e, neste sentido, calificou a Gladiator Race como "unha proba moi atractiva, que foi incrementando o número de participantes ao longo do tempo, que retomamos tralo parón da pandemia e que, con máis de 1.300 adultos e máis de 300 nenos e nenas, máis os seus acompañantes, inscritos, xa é un éxito".
Para Fernández Lores, este evento, que reunirá a gladiadores e gladiadoras de 20 provincias diferentes máis Andorra, consegue que "moita xente veña a Pontevedra, a coñeza, a desfrute, gaste aquí e proxecte a cidade". "Afortunadamente, todos os que veñen a Pontevedra convértense en visitantes asiduos, porque levan unha boa imaxe: ademais dos excelentes espazos naturais de competición, é indiscutible que a cidade é moi atractiva, que a gastronomía está mellorando moitísimo e que temos un fantástico patrimonio histórico e actividade cultural e festiva. O deporte é fundamental, un xeito de xerar calidade de vida e tamén actividade económica. Aínda por enriba, está o Banco de Alimentos, polo que promovemos a solidariedade coas persoas que máis o precisan".
En opinión de Tino Fernández, esta proba, "que aterrou en Pontevedra en 2014", ten "un compoñente de actividade física e deportivo, pero tamén un compoñente de diversión, de pasalo ben", algo que "non vén nada mal nestes tempos nos que a pandemia nos deixou moita tristura, ansiedade e depresión". O tenente de alcalde agradeceu a tódolos patrocinadores a súa implicación, "porque cando se xeran sinerxías entre as administracións e as empresas privadas, as cousas son máis doadas e se poden organizar máis eventos". "Animo á xente a que desfrute dunha fin de semana de risas e de actividade física diferente", afirmou o socialista.
Un 38% de inscrición feminina
Serafín Martínez salientou o 'tirón' deste evento, que leva ser celebrarse desde o ano 2019 "e aínda hoxe (xornada de peche de inscricións) nos entrou unha empresa con 40 compoñentes". "Estamos sorprendidos coa aceptación, xa que estamos nun momento de regreso de moitos eventos, deportivos, musicais e culturais, entre os que escoller, e a xente segue a responder coa Gladiator. O 38% dos inscritos -subliñou Martínez- son mulleres, unha porcentaxe moi complicada de acadar nunha proba popular. Non atopamos un sitio mellor en Galicia ou mesmo en España para facer esta proba que a Illa das Esculturas... Na Gladiator, o 90% da xente vén pasalo ben e podemos atopar a nenos de tres anos correndo, desfrutando e pasando obstáculos, mentres que o participante de maior idade ten 73 anos".
Pola súa banda, Hugo Fernández lembrou que, como entidade feita para as familias, a Banco Mediolanum gústalle patrocinar eventos "nos que as familias poidan desfrutar, o que se dá na Gladiator Race". Segundo precisou, este é ademais un ano especial "polo enfoque solidario que se lle quere dar: dentro do Banco temos un proxecto solidario denominado Aproxima, cuxo obxectivo é darlle visibilidade a ONG's locais menos coñecidas ou con menor capilaridade para chegar á sociedade civil e, neste caso, un euro de cada inscrición irá destinado ao Banco de Alimentos de Pontevedra e a asociación Bata".
Tódolos participantes que logren acabar a súa respectiva carreira obterán como agasallo unha medalla e unha camiseta Gladiator 'Finisher'. Os inscritos en modalidade Gladiator Warrior poderán competir en categorías Elite e Warrior (individuais e por equipos), con saídas programadas por tandas entre as 16:00 horas e as 17:20 horas. Os de Elite (sistema OSO) non poderán recibir axuda para pasar o obstáculo e, no caso de non poder sobrepasalo, seralles retirado o chip, podendo terminar a proba, pero non entrar na clasificación final. Os Warriors (Open) si poderán recibir axuda externa por parte doutros participantes e, no caso de non poder sobrepasar o obstáculo, terán un castigo de 20 burpees. De xeito semellante, os participantes en modalidade Gladiator Rocket, con saídas entre as 18:30 e as 19:35 horas, tamén terán as categorías de Elite e Rockets, coas mesmas esixencias que na Warrior.
No que atinxe á Gladiator Kids do domingo, as saídas darán comezo ás 11:00 horas, en quendas de 20 en 20 por orde de idade (de menor a maior). Tódolos nenos e nenas recibirán a súa correspondente camiseta e medalla 'Finisher'.