No seu afán de traballar a prol dos dereitos das persoas en situación máis vulnerable e de fomentar o coñecemento da xestión dunha necesidade primaria como é a alimentación, a Concellería de Benestar Social de Pontevedra organizou un curso de Habilidades Sociais na Cociña, dirixido a un total de 65 usuari@s dos Servizos Sociais municipais. A actividade formativa desenvolverase na Casa Azul entre os días 17 de outubro e 22 de decembro e ten o obxectivo de aumentar a eficiencia na xestión dos fogares da veciñanza que máis o precisa, promovendo a súa mellora integral.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que "estes obradoiros están pensado para a poboación vulnerable, que recibe alimentos, achegándolles as capacidades para xestionar, non só o seu cociñado, senón tamén a economía que os fogares precisan para a compra e elección doutros alimentos, sen esquecer en ningún momento que a cociña é un espazo familiar no que mellorar as habilidades culinarias, as relacións familiares e sociais, o aforro enerxético e a economía".

"Trátase dun curso que entronca cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, incidindo concretamente nos relativos ao fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, redución das desigualdades e paz, xustiza e institucións sólidas", subliñou o edil do PSOE.
Tal e como apunta Rey, "a Organización Mundial da Saúde define esta última como o estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente como a ausencia de afeccións ou enfermidades", polo que "o benestar quedaría deste xeito conformado tanto pola provisión de recursos como pola sensación das persoas de vivir dun xeito axeitado, tendo un papel primordial os contextos social e medioamtiental que as rodea". "Esta actividade formativa -apunta o socialista- pretende incidir nestes aspectos fundamentais, sempre dun xeito ameno, entretido e divertido".





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





