O Barómetro Juventud y Género 2021 do Centro Reina Sofía sinala que un de cada cinco varóns de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero é un invento ideolóxico. Alertar deste crecente negacionismo que se está a estender entre os mozos e da relación existente entre o consumo de pornografía e prostitución coas violencias sexuais entre a mocidade, e apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas, son algunhas das ideas nas que se centra a campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Baixo o lema 'Depende de ti, depende de nós', a campaña incidirá na obriga moral dos varóns de implicarse na loita contra o acoso, a humillación, o control, a violación... E de deixar de xustificar, escusar e rirlle as grazas aos nosos colegas machistas.
"A violencia de xénero é un problema estrutural no que os homes non son os únicos culpables. Todo o conxunto da poboación, de forma cultural, é partícipe no día a día, aceptando comportamentos no seo da familia ou en contornos próximos, que en moitas ocasións rematan no máximo expoñente da violencia machista: o maltrato físico por parte dun home a unha muller. Con esta campaña, que se traducirá nunha potente proposta gráfica que daremos a coñecer nos vindeiros días, pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación como cómplices. A responsabilidade de paralo antes de que chegue a ser algo tanxible ou irreversible é de todos". Deste xeito definiu a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o espírito do intenso programa de actividades deseñado arredor do 25N, que foi presentado esta mañá pola socialista nun acto no que estivo acompañada pola directora do CIM, Rosa Campos; axente de Igualdade Mercedes Renda, e as coordinadoras do obradoiro Namórate de Ti, Patricia Maquieira e Tegra Gómez.

Un programa que arrincou hoxe mesmo coa recepción institucional, por parte da edil do PSOE, á activista salvadoreña Bea Salazar, que se atopa en Pontevedra para dar a coñecer a grave situación que se está a vivir no seu país (no que a violencia machista acada límites insoportables, co aborto penalizado en tódalas súas modalidades, mesmo cando é espontáneo, e castigado con penas de ata 50 anos de prisión), e no que se inclúen unha nova edición do obradoiro Namórate de Ti, os agardados Faladoiros Feministas na Casa das Campás, o despregue dunha pancarta reivindicativa na Casa da Luz, unha potente campaña gráfica nas rúas do concello (mupis) e en edificios públicos e centro sociais das parroquias (cartelería), a distribución de merchandising (bolsas de tea), un cinefórum e coloquio sobre o documental 'Onde máis doe', o acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022 e un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas.
A lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal (cuxa redacción estará este ano a cargo da xornalista e escritora Montse Fajardo) o 21 de novembro, o pase da obra de teatro Cariño para os institutos de Pontevedra o 23 e o acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero (organizado pola Deputación en colaboración co Concello) poranlle o colofón, xunto coas concentracións e manifestacións impulsados desde o movemento feminista, a estas datas de reivindicación e loita contra unha das maiores lacras da nosa sociedade.
Segundo subliñou Blanco, "a sociedade non pode ser cómplice da violencia de xénero, é responsabilidade de todos e todas que rematemos con isto". "A min encantaríame que dentro duns anos non teñamos que facer máis roldas de prensa de presentación do 25N, xa que significaría que xa non existe violencia machista", asegurou a socialista.
Pola súa banda, Mercedes Renda salientou o enorme interese que desperta o Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que este ano chega á súa cuarta edición e que "funciona ben tanto para mozas (a partir dos 16 anos) que sinten medo ou se sinten en situación de perigo, sobre todo a certas horas da noite ou cando marchan de ambientes de lecer, como para señoras maiores que sinten perigo cando van cobrar a pensión e regresan a casa". "Teñas a idade que teñas -apuntou a axente de Igualdade- e sexa cal sexa a túa condición física, temos posibilidade de previr a situación violenta e para defendernos dela. Hai moitas mulleres que repiten, polo que mesmo pensamos en organizar outra convocatoria en xaneiro".





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





