O salón de plenos de Ourense acolleu esta mañá o acto institucional organizado polo Concello de Ourense (Concellería de Igualdade) para celebrar o 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, ao que asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, concelleiras e concelleiros da Corporación, técnicos municipais, Policía Local, Guardia Civil e outras entidades.
O acto comezou coa intervención do concelleiro de Igualdade, Telmo Ucha, trala que se gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero: até hoxe, durante o ano 2022 son 38 mulleres e 2 menores. Desde que hai estatísticas oficiais, o 1 de xaneiro de 2003, son 1.171 mulleres e, desde o 1 de xaneiro de 2013, 48 menores.
A continuación, o alcalde de Ourense deu lectura ao manifesto institucional desta celebración. A artista Iseo A Moura contou un conto con historias nas que explica a violencia vivida polas mulleres a través das xeracións como neta, como filla e como nai.
O acto rematou coa interpretación da canción "Manada somos nós", do grupo musical Sacha na Horta, por parte de Iseo A Moura acompañada pola artista Cristina Asenjo no acordeón.