O Concello de Ourense obtén unha subvención por importe de 2 millóns de euros para o desenvolvemento dun paquete de iniciativas que teñen como finalidade apoiar o comercio local da cidade. O proxecto presentado polo Concello acadou o apoio de cofinanciamento por parte da Dirección Xeral de Política Comercial na convocatoria realizada polo Goberno central para a concesión de axudas para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles de comercialización. O Concello xa recibiu a proposta de resolución provisional de concesión das axudas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asegurou esta mañá que "hoxe é un día de boas noticias para Ourense porque un proxecto presentado desde o Concello, por este grupo de goberno, susceptible de subvencións, obtén o 80% do importe que se solicitaba". Subliña a este respecto que "é unha porcentaxe altísima, polo que o Concello recibirá unha subvención de 2 millóns de euros, que é moitísimo diñeiro, que se vai utilizar para dúas vías principais: un ascensor que unirá a rúa Progreso coa rúa Concello á altura do Parque Infantil, que será vital; e por outro lado, para dinamizar e intentar salvar o comercio local de Orense, cun Marketplace". Trátase neste caso, explica o rexedor, "dun proxecto que nós sempre defendemos, como un lugar en Internet para loitar e defender o comercio local, aunando esforzos, e desenvolver tecnoloxía que axude o comercio local de Ourense". O alcalde agarda licitar os proxectos no mes de febreiro.

Resolución da convocatoria
A comunicación da Dirección Xeral de Política Comercial indica que de conformidade co disposto na Orde ICT/949/2021, do 10 de setembro (BOE núm. 218 do 11 de setembro de 2021), modificada pola orde ICT/565/2022 do 15 de xuño (BOE núm. 148 do 22 de xuño de 2022) pola que se convoca a liña de axudas para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e á vista dos acordos adoptados pola Comisión de Avaliación, na súa reunión de data 5 de decembro de 2022, formulou a proposta de resolución provisional da convocatoria.
Nela propón concederlle ao Concello de Ourense unha axuda de 1.999.964,80 euros para a realización das actuacións contidas na súa solicitude, cuxo importe total ascendía a 2.499.956 euros.
As axudas teñen estas finalidades e importes:
Gastos dirixidos á transformación dixital, de sensibilidade e formación, e relativos á cadea de subministración e trazabilidade: 1.590.036,8
Gastos referidos á transformación do punto de venda e gastos relativos á sostibilidade e economía circular: 313.051,2
Outros gastos subvencionables: 96.876,80€