Telmo Ucha, concelleiro de Seguridade Cidadá, asistiu este mediodía á Xunta Local de Seguridade celebrada na Subdelegación do Goberno, que abordou a boa xestión das forzas policiais, dun xeito moi especial na loita contra a violencia de xénero. O Goberno local súmase a unha iniciativa presentada no Parlamento de Galicia para dotar de máis efectivos a comisaría da cidade, ao tempo que garante importantes investimentos en tecnoloxía de vixilancia para evitar os delitos que máis medran.
O Concello de Ourense felicitou a Policía Nacional, na Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá, pola boa coordinación da seguridade na cidade, un traballo conxunto que está acadando grandes resultados xunto coa achega das outras forzas. Así o manifestou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, ao remate do encontro. "Uns parabéns que hai que estender polas recentes detencións efectuadas por delitos de sextorsión", dixo.
Desde o Goberno local súmanse á iniciativa presentada no Parlamento autonómico para que haxa máis presenza de Policía Nacional na comisaría ourensá. E é que malia que a colaboración entre os diferentes efectivos está a paliar a cantidade de persoal nas policías presentes na cidade, "aínda se pode e se debe ampliar". "Dende a Policia Local apreciamos que moitas horas vanse", segundo Ucha, "realizando funcións de seguridade cidadá, especialmente na central de chamadas, o que lle resta eficacia ao traballo de rúa". Máxime cando está próxima a xubilación do inspector principal xefe, Benjamín González Quintana, cuxa traxectoria foi aplaudida por todos os presentes, e que xa na reunión desta mañá estivo acompañado do seu posible sucesor, o inspector Lorenzo Ferreiro.

Violencia de xénero. O Concello de Ourense tamén compartiu os parabéns pola actuación nos casos de violencia de xénero, dentro do programa VIOXEN. Telmo Ucha asegura a este respecto que "está sendo un éxito a participación con vehículos non rotulados e de policía non uniformada", o que lle deu pé a estender estas prácticas para outro tipo de situacións, caso do control de tráfico, ruídos que impiden compatibilizar o lecer e o descanso, ou roubo de vehículos, un delito que vai en aumento segundo as estatísticas da Policía Nacional.
No ámbito da violencia de xénero, o tamén concelleiro de Igualdade amosouse preocupado polo incremento de denuncias, pero se cadra máis aínda por aqueles casos que non se coñecen -"danse principalmente no ámbito familiar", afirma-. Insiste Ucha en que "denunciar é importante, sobre todo "cando nesta cidade non hai violación sen resolver".
Medidas disuasorias. O Concello de Ourense aceptou a proposta de incrementar a vixilancia na contorna das zonas termais e no polígono das Coiñás, polo que o Goberno local realizará un forte investimento en tecnoloxía de vixilancia que se podería estender a outros ámbitos.
Ruídos. Entre os restantes asuntos que se trataron na Xunta de Goberno Local, celebrada na Subdelegación do Goberno, están as queixas polas molestias que provocan os ruídos das manifestacións, que cada día van a máis. Neste sentido, as forzas policiais aceptaron vixiar o emprego de megáfonos garantido sempre o lexítimo dereito dos cidadáns a manifestarse.
Eventos multitudinarios. Finalmente, na Xunta de Seguridade falouse do plan de seguridade para o concerto de Omar Montes, este venres 16 no pavillón dos Remedios. Nos preparativos para o concerto -e para os sucesivos eventos multitudinarios que organice o Concello de Ourense- participarán, ademais de policías Local, Autonómica e Nacional coma Garda Civil, operativos de Protección Civil e a seguridade privada contratada desde a Casa do Concello. "É importante salientar que existen espazos nos que se poidan facer eventos multitudinarios e que conten con instalacións axeitadas para desenvolver plans de seguridade efectivos", afirma Ucha.