Altruísmo que axuda a salvar vidas. Ese sería, en resumo, a esencia do convenio que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez vén de formalizar con José Antonio Ramos Díaz, responsable do Grupo Sidegal para favorecer que os Bombeiros de Lugo realicen prácticas de excarcelación con vehículos sinistrados.
O acordo nace da vontade de colaboración de Desguaces Sidegal que contribuírá solidariamente á mellora da formación do SPEIS municipal ante este tipo de intervencións ás que os seus efectivos se enfrontan no día a día.
Deste xeito, a empresa cederá, de forma desinteresada, automóbiles de desguace que, logo de sufrir algún tipo de colisión teñan rematado a súa vida útil e reúnan as características propias dun accidente con vítimas atrapadas.
"Trátase pois dunha cooperación moi importante e moi estimada polo Concello e polo Parque de Bombeiros que terá repercusión no conxunto da veciñanza xa que a posibilidade de crear escenarios próximos á realidade permitirá aos integrantes do Servizo simular e perfeccionar a súa técnica, gañando en destreza no manexo das ferramentas e do material específico e mellorando os tempos de resposta ante situacións deste tipo que implican a excarcelación-extricaxe de persoas e o seu rescate e estabilización", sinalou a rexedora que acudiu á sinatura acompañada polo sarxento do Corpo, Miguel López Palacios.
Lara Méndez puxo en valor a iniciativa e o compromiso social do Grupo Sidegal, que descontaminará, achegará os vehículos de desguace idóneos e, posteriormente, os retirará cando teñan cumprido o seu fin, posibilitando o incremento da frecuencia coa que os bombeiros levan a cabo actividades de simulación, "tan necesarias para perfeccionar a súa pericia ante circunstancias que resultan determinantes no salvamento cidadá", engadiu a alcaldesa ao tempo que quiso recoñecer tamén as boas prácticas desta empresa en materia de sostibilidade e respecto medioambiental entre as que figura - puxo como exemplo - a minoración do uso de plásticos e a aposta decidida pola reutilización.
O convenio, que terá unha vixencia de catro anos, non suporá ningún tipo de custo para o Concello.