O Concello de Ourense presentou esta mañá o dispositivo de seguridade para o Entroido 2023 no que participarán un cento de efectivos diarios. Así, e debido á alta previsión de participación, a Policía Local coordinará un Posto de Mando con outras forzas de seguridade, caso da Policía Nacional -para a seguridade cidadá- e a Garda Civil -para o control do tráfico-, e no que tamén estarán integrados outros servizos coma o de Protección Civil, Bombeiros e Emerxencias -haberá cinco ambulancias medicalizadas en puntos estratéxicos para acudir onde se requira coa maior celeridade-, así como seguridade privada. Tamén haberá un Punto Violeta, para informar e actuar en caso de agresións sexuais.
O concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha, fixo un chamado ao "sentido común", de forma que "o público desfrute da festa e deixe desfrutar os demais". Ucha aconsellou vehementemente "moderación" no consumo de alcohol, e fixo especial fincapé na incompatibilidade de beber e de conducir: en 2021 denunciáronse 1.063 alcoholemias positivas na cidade, en 2022 disparáronse até as 2.265". Cifras que, en palabras do responsable de seguridade cidadá, son "moi altas en proporción por habitantes". Haberá presencia policial en todos os accesos e saídas da cidade, e realizaranse controis de drogas e alcohol para evitar posibles accidentes.

Contedores de vidro. A concesionaria da limpeza, Ecourense, desprazará os contedores de vidro dos lugares máis transitados para minimizar o risco de feridas ou que sexan empregados en pelexas, etc. Repartiranse en diferentes puntos do centro histórico e colaborarase cos establecementos hostaleiros -aos que se lle recomenda o emprego de plástico- nunha recollida porta a porta.
Cambios de tráfico. As actividades programadas para o Entroido obrigan, igualmente, a modificar o sentido no tráfico en diferentes puntos da cidade. A Policía Local aconsella vías alternativas para moverse pola cidade.