A Deputación de Lugo lanza a segunda edición do ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha iniciativa coa que a institución achega aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo.
A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, subliña que esta iniciativa musical tivo "moi boa acollida o ano pasado, polo que decidimos reeditala, para celebrar o Día da Muller favorecendo a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música".
A institución provincial contará nesta segunda edición de Con Voz de Muller 8M coa Banda da Loba, un grupo de cinco mulleres que unen pop, blues, folk, rock e sons tradicionais que converxen nun estilo singular; Caamaño&Ameixeiras, que conectan o violín e o acordeón para facer música folk en galego; Catuxa Salom, que dende unha pequena aldea xera un estilo electrónico que fusiona o folklore galego con ritmos tribais mezclado con coros de armonías; e Margarida Mariño, quen renova os sons do violonchelo clásico con pedais de efectos, voces, loops e electrónica.

Loureiro valorou o incremento de voces femininas no panorama musical galego "que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores".
"Cremos que pode ser interesante que os nosos pequenos e pequenas veñan, porque a música é expresión, liberdade e emoción, e a música serve para conmover e remover conciencias", indica a Deputada, quen avanzou que a institución provincial entregará agasallos ás persoas que acudan aos concertos.