A Praza de Abastos de Lugo acollerá esta fin de semana a feira gastronómica Sabores do Eixo, enmarcada na programación da Capital da Cultura 2023. Así o avanzou a rexedora, Lara Méndez, quen convidou a toda a cidadanía a participar neste evento "para coñecer e catar produtos da eurorrexión e tapas de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras galegas e portuguesas".
A feira servirá, deste xeito, para poñer en valor e promover os produtos con denominación de orixe galego-portuguesa, a través de degustacións, zona de venda, showcookings en directo ou obradoiros de cociña para crianzas, entre outras actividades.
"O potencial culinario do noso municipio xa é recoñecido internacionalmente, pola riqueza e calidade da nosa cociña, evidenciada no famoso lema 'E para comer, Lugo', como tamén o é a gastronomía dos nosos veciños portugueses cos que compartimos gran variedade de ingredientes, que daremos a coñecer a través desta feira", explicou a rexedora.

A gastronomía lucense caracterízase por unha combinación de tradición e modernidade, cun denominador común: a calidade dos produtos empregados na súa elaboración. Durante o evento, haberá unha ampla selección de produtos para á súa cata e adquisición, así como un espazo para os nenos e nenas e actuacións en directo que crearán un ambiente festivo durante as dúas xornadas.