O Concello de Ourense logrou preto de 8 millóns de euros en axudas de diferentes institucións para o apoio a sectores estratéxicos, para a rehabilitación e mantemento de infraestruturas e, en xeral, para a mellora das condicións de vida da cidadanía, ao longo dos dous últimos anos. As axudas proceden de fondos europeos xestionados a través de diferentes ministerios, e suman un total de 7.755.127,09 euros.
A última destas axudas concedidas, de 608.224 euros dentro da liña 2 da convocatoria de fondos europeos do PIREP Local 2022 de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía con cargo aos fondos europeos Next Generation, para a rehabilitación integral do edificio destinado ás futuras oficinas do PERI, na praza da Trinidade 5 (foto). O Concello deberá aboar, para a redacción dos proxectos técnicos e a execución das obras, outros 179.088,43 euros -facendo un total de 787.312,43 euros de investimento-.
Fóra destas axudas quedaron, porén, proxectos de rehabilitación integral do edificio do antigo Cárcere, na rúa do Progreso (para o que se solicitaran 2.970.767 euros) e a rehabilitación integral da Casa do Concello, para o que se pedira 1,04 millóns de euros. En ambos os dous casos, a puntuación obtida, malia a calidade das propostas, non foi abondo tendo en consideración a cantidade e a magnitude doutros proxectos presentados na convocatoria.
Balance positivo
O balance do goberno municipal é positivo tendo en conta os 393.002,95 euros recibidos do Ministerio de Política Territorial provenientes dos fondos Next Gou para a mellora da ciberseguridade, os servizos comúns da administración electrónica e os equipamentos para o teletraballo.

Tamén se recibiron 4,7 millóns do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dentro do plan Move1, destinados a actuacións para acougar o tráfico rodado, a mellora e ampliación de zonas peonís e acceso restrinxido no centro histórico de Ourense e a súa zona de influencia, e para a adquisición de autobuses eléctricos e os seus correspondentes dispositivos de recarga.
Igualmente, o Concello de Ourense contará con 1.999.965 euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para activar Servizos dixitais para o tecido comercial da cidade. Estas subvencións englóbanse dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia o diñeiro procede dos fondos Next Generation EU para favorecer e impulsar a competitividade do pequeno comercio en todo o país.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, salientou que todas as axudas concedidas foron proxectos presentados nas diferentes convocatorias ordinarias de axudas, "sen necesidade dunha alocución directa con ministros" ou demais cargos do poder, dixo.
Ademais de todas estas, aínda quedan, pendentes de resolución, dúas axudas solicitadas dentro do plan Move2 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así coma outra dedicada a infraestruturas hidráulicas.