Axentes da Policía Local de Ourense que prestaban servizo na Ponte Nova déronlle o alto a un vehículo (Renault Megane). Este comezou a acelerar e emprendeu unha fuxida en dirección á rúa Alfredo Brañas. Iniciouse unha persecución por parte dos axentes que proseguiu até a rúa San Silvestre e a estrada de Barra de Miño. O vehículo perseguido circulaba a velocidade excesiva e constituía un perigo para a integridade das persoas usuarias da vía. Na estrada de Barra de Miño, dúas patrullas tentaron interceptalo pero o condutor evadiunas, pasándoos a grande velocidade e poñendo en risco aos axentes, que tiveron que apartarse para non ser atropelados. A persecución continuou ata chegar á rúa Río Conso onde, ao observar o condutor que a vía non ten saída, fuxiu a pé pola estrada, até que foi interceptado polos axentes, escondido entre unhas matogueiras, e detido.
O condutor, de 28 anos de idade, deu positivo na proba de drogas. Durante a persecución, subliña a Policía Local, o condutor realizou numerosas manobras manifestamente temerarias con total e absoluto desprezo a calquera outro usuario da vía e con clara intención de evadirse dos axentes, ademais de causar que outros vehículos se visen obrigados a deter a súa marcha para evitar chocar. Instruíronse Dilixencias Xudiciais.





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





