A Deputación de Lugo organiza por cuarto ano consecutivo rutas gratuítas para conmemorar o Día da Transrománica, que se celebra o 9 de maio coincidindo co Día de Europa. O programa, que arranca a vindeira fin de semana en Antas de Ulla, ofrece un total de 17 visitas guiadas para poñer en valor o patrimonio románico da provincia que terán lugar ao longo de cinco xornadas no mes de maio.
As visitas faranse os días 4, 5, 9, 11 e 12 de maio e estarán dirixidas por un guía oficial de turismo. Cada itinerario conta cun máximo de 20 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse un total de 340 prazas. As rutas non inclúen servizo de transporte, polo que os participantes deberán desprazarse por conta allea ata o lugar onde se desenvolve cada un dos itinerarios.

Para participar é preciso realizar previamente as inscricións a través da web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo luns, 29 de abril, ata completar o aforo. As persoas interesadas tamén poderán anotarse chamando aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.