A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, afrontou hoxe o segundo debate do estado do municipio deste mandato no que se converteu na primeira muller, e muller nacionalista, á fronte da Alcaldía da capital da Galiza. Tras dous anos e medio á fronte do goberno de Compostela, o Concello iniciou grandes transformancións estruturais cun obxectivo final: mellorar a vida da veciñanza. Fronte ao catastrofismo, loias e unha ficción que non se corresponde coa verdadeira Compostela, a alcaldesa convidou a repasar os fitos do gobierno no último ano e fixou retos de futuro. Pola súa parte, a voceira do BNG no Pazo de Raxoi e portavoz do goberno, Míriam Louzao, destacou que fronte ás fake news e o afán de bloqueo por parte do PP, este goberno sacou adiante importantes medidas.
Goretti Sanmartín fixo un repaso polos principais fitos que acadou este goberno fronte á visión do PP catastrofista e de ficción que non se corresponde coa realidade. O 2025 foi un ano clave para avanzar no modelo de cidade que defende o BNG, máis xusto, sustentable, e pensado para as vindeiras xeracións. Entre os fitos acadados salientou a implantación da recarga ao imposto de estadías turísticas, a culminación da poxa de inmobles do Rexistro de Soares e o impulso de proxectos estratéxicos como o Conector Central, a transformación do Ensanche e da zona norte, o novo contrato de transporte ou o modelo renovado de comedores escolares con produto de proximidade. Sanmartín Rei tamén subliñou que o obxectivo é mellorar a vida da veciñanza con políticas estruturais, sen desatender as necesidades do día a día.
A rexedora municipal puxo en valor a aposta pola participación, coa creación de novos espazos como os Consellos Municipais e a Mesa Sectorial de Vivenda, nun momento no que Santiago supera os 100.000 habitantes. Fronte á polarización e á desinformación, a alcaldesa reivindicou Compostela como cidade de acollida, cohesionada e orgullosa do seu modelo propio. E defendeu unha acción política "en voo alto", orientada ao medio e longo prazo, consciente de que as transformacións profundas requiren tempo, mais convencida de que o rumbo é o correcto.

Goretti Sanmartín defendeu tamén os avances en memoria histórica (coa recuperación tras un longo percorrido das estatuas do Mestre Mateo), en cultura, deporte, igualdade e rural, así como investimentos por valor de 12 millóns de euros en obras. Ademais, tamén destacou 8,7 millóns de euros captados de fondos europeos para o proxecto Horizonte Compostela, o goberno municipal reafirma a súa vontade de liderar unha transformación integral que consolide unha Compostela máis habitábel, feminista, verde e con futuro.
A rexedora compostelá, que ostenta as competencias plenas de Igualdade, salientou o reforzo das políticas feministas, a ampliación dos servizos da Casa Xohana Torres coa atención e asesoramento de LGBTIQ+ e a aposta pola sustentabilidade ambiental, coa promoción da compostaxe e novas infraestruturas de reciclaxe.
Intervención da portavoz do Goberno Municipal
Pola súa parte, Louzao defendeu que o BNG culminou a regulación das vivendas de uso turístico e está actuando desde a disciplina urbanística, reivindicou o impulso á declaración de zona de mercado residencial tensionado e a protección dos usos comerciais e habitacionais fronte á especulación e mantivo unha defensa firme do imposto ás estadías turísticas, que propiciou que agora sexa unha realidade o imposto autonómico. "O 2025 quedará na historia como o ano en que Santiago puxo en marcha o imposto ás estadías turísticas", agregou a tamén concelleira de Turismo, quen evidenciou a falisdade das acusacións reiteradas de falta de diálogo co sector. "Houbo reunións, houbo convocatorias formais, houbo actas e houbo transparencia. A realidade é teimuda, por moito que algúns repetisen unha mentira durante meses", sentenciou.
O PP utiliza a Xunta como ferramenta electoral
Na súa intervención, Louzao denunciou tamén o papel do Partido Popular e da Xunta de Galiza, aos que acusou de actuar "máis como ferramenta electoral contra o goberno de Goretti Sanmartín que como institución ao servizo da capital do país". Lembrou que o presidente da Xunta só recibiu unha primeira vez á alcaldesa e non atendeu o compromiso de facelo de novo para abordar outros asuntos, nomeadamente, o Estatuto da Capitalidade.
A portavoz do BNG puxo en valor medidas a medio e longo prazo que se están a impulsar e defendeu que este é o goberno do Conector Central, a transformación do Ensanche, a infraestrutura verde, a mobilidade sustentable, o redeseño da iluminación da contorna da Catedral, o impulso ao Servizo de Asesoramento LGTB+, o reforzo das políticas de conciliación, dos orzamentos sociais e das melloras nos equipamentos deportivos.
"É este goberno, que vostedes tanto insultan e tanto menosprezan gratuitamente, o que ten a fortaleza e a altura de miras suficiente para non entrarlles ao xogo enleando na lameira na que queren converter este pleno municipal e a política local. O que fronte a iso segue a traballar sen deixarse enredar polo barullo", espetou Louzao no debate.
A portavoz do goberno asegurou que este goberno "acredita na veciñanza compostelá e no convencemento do que o peor que lle pode pasar a este Concello é volver ter un goberno de venderores de fume que non teñen máis proxecto que chegar á alcaldía, como ocorreu no pasado e cuxo despropósito institucional e de xestión permanece como unha gran mancha na historia deste país".





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





