O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou diferentes espazos verdes da cidade para comprobar o resultado das actuacións de plantación e renovación vexetal impulsadas polo Concello, que comezan a ser plenamente visibles coa chegada da primavera. A floración de distintas especies está a transformar a imaxe de parques, prazas e xardíns, reforzando o atractivo e o coidado do entorno urbano.
Miguel Fernández subliñou que "cuidar o ornato público e a biodiversidade dos espazos urbanos tamén é avanzar nun modelo de cidade máis amable e con maior calidade de vida", destacando que estas intervencións "forman parte dunha estratexia global para consolidar Lugo como unha cidade máis sostible, coidada e pensada para as persoas".

A campaña, desenvolvida pola área de Transición Ecolóxica, incluíu a plantación de máis de 55.000 unidades de especies ornamentais, entre planta de tempada e bulbos florais, distribuídas en distintos puntos do municipio. En concreto, plantáronse arredor de 16.800 bulbos —principalmente tulipas, narcisos e xacintos— que nestas semanas acadan o seu momento de maior esplendor, facendo especialmente visible o resultado das actuacións nos espazos públicos da cidade.
O investimento total da actuación superou os 53.900 euros, incluíndo o subministro, transporte e plantación, o que permitiu reforzar de maneira significativa o ornato público coincidindo cun momento clave do ano como é a primavera.
Estas actuacións enmárcanse na liña de traballo do Goberno local orientada á mellora continua dos espazos públicos, co obxectivo de avanzar cara a unha cidade máis sostible, atractiva e con maior benestar para a veciñanza.





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





