O Teatro Rosalía de Castro sitúase como o espazo de referencia para o sector cultural de toda Galicia despois de obter a Insignia Cultural que outorga a Fundación Contemporánea en base ao informe anual do Observatorio de la Cultura, derivado da consulta remitida a un milleiro de expertos en todo o país.
As Insignias Culturais de cada comunidade corresponden á valoración final das propostas culturais máis destacadas baixo o criterio dos profesionais do sector. Así, o Teatro Rosalía de Castro sitúase en cabeza na escena cultura galega, por riba da Cidade da Cultura de Galicia, que ostentaba esta distinción o ano pasado.
Na clasificación específica por comunidades, que reflicte a opinión exclusiva do panel de expertas e expertos galegos sobre o traballo e propostas das institucións e acontecementos culturais en toda Galicia, o Teatro Rosalía de Castro recibiu o apoio e mención do 61,5 % dos integrantes deste panel, un 20 % máis que recintos como a Cidade da Cultura de Galicia e programas como o Festival Cineuropa, asentados ambos os dous en Santiago de Compostela, duplicando tamén a porcentaxe de apoios ao traballo do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), situado en Santiago de Compostela.
Teatro Rosalía de Castro
Nesta clasificación concreta de valoración para toda Galicia, de carácter anual, o Teatro Rosalía de Castro sube ata tres postos en relación ao informe do ano 2019 —no 2020 non houbo avaliación, a causa da pandemia—, posicionándose agora en vangarda, na primeira praza.
Un informe con máis de dez anos de vida
O Observatorio de la Cultura, que elabora o informe e resultados finais ano a ano desde o 2009, contou coa valoración, entre decembro de 2021 e xaneiro deste ano, de 358 membros do panel, dos que un 44,7 % traballan nunha organización cultural pública, un 39,9 % nunha organización cultural privada e o 15,5 % como profesionais independentes do sector.
O 2022, un ano para reforzar a aposta polo Teatro Rosalía de Castro
O Concello da Coruña, que impulsou multitude de propostas musicais e escénicas no Teatro Rosalía de Castro durante o ano pasado, especialmente no tramo final e pese ao impacto da pandemia, presentou a finais de decembro do 2021, a través do portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage, a programación para o primeiro semestre do 2022.
Desde o pasado mes de xaneiro e ata mediados de xuño, o recinto acollerá 13 destacadas obras teatrais a nivel galego e nacional. “A programación responde ao espírito do Teatro Rosalía nos seus 180 anos de historia, ofrecer o mellor da escena galega e española, desde o equilibrio, a pluralidade e dando resposta á súa vocación de servizo público”, sinalou José Manuel Lage durante o acto de presentación.