A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, asistiu xunto aos concelleiros Jorge Bustos e Olga López Racamonde aos actos de celebración do Día de San Xiao, patrón de Ferrol, entre os que figura a recepción á corporación lucense, nunha tradición que este ano cumpre 25 desde que ámbalas dúas cidades están irmandadas. A rexedora lucense puxo en valor as posibilidades de crecemento de ambos municipios, dos que dixo que teñen "a capacidade para vertebrar o avance do Norte de Galicia e ser urbes de futuro". Falou da unión que comparten ámbalas dúas cidades e dos retos en común, entre os que destacou "o das comunicacións, a demografía e a posta en valor dos nosos cascos históricos, chamados a ser motor de cambio para as dúas urbes".
A rexedora lucense pechou un acto no que sobresaíu a entrega de distincións a varios colectivos e persoas de Ferrol polo seu importante labor nos eidos da benestar social, do voluntariado, da saúde e do crecemento e progreso da cidade departamental. Neste senso felicitou á Cruz Vermella, ao Colexio Médico de Coruña, ao Colexio de Arquitectos de Galicia, á Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) e ao xornalista Germán Castro Tomé. Alvarellos Fondo explicou que "o labor destes colectivos demostra que é crucial seguir investindo recursos e traballo nos eidos do benestar social, da educación e da sanidade públicas; por iso é necesario que desde o Goberno Galego se incrementen os recursos destinados a estes obxectivos".

Durante a súa intervención, a rexedora lucense fixo fincapé nos retos que comparten Lugo e Ferrol, entre os que figura o de frear a perda de poboación. Neste sentido, Paula Alvarellos lembrou que "recentemente superamos a histórica cifra dos 100.000 habitantes, algo que nos enche de orgullo. Pero, tamén sabemos que para manter este crecemento precisamos seguir traballando para atraer poboación nova e tamén para reter o noso talento, un reto que compartimos con Ferrol, onde tamén se están tomando medidas para combater a perda de habitantes. É crucial que as nosas cidades continúen sendo espazos atractivos para desenvolver proxectos de vida, tanto para as novas xeracións como para os que chegan a buscar novas oportunidades. O meu labor nesta cse primeiro ano de mandato estivo en boa medida centrado neste obxectivo", sinalou a rexedora lucense.
A alcaldesa de Lugo falou de retos e tamén de decisións e medidas "dicífiles pero necesarias que tomamos tanto Ferrol como Lugo". Se referiu á suba de impostos e taxas que adoptaron recentemente ambos concellos "co que pretendemos seguir avanzando e creando cidades de futuro, nas que crecer e avanzar", afirmou Alvarellos Fondo. Entre os obxectivos a cumprir para ámbalas dúas urbes, fixo finapé na xeración de emprego, en ferramentas que apoien o empredemento e a dinamización do tecido económico, "para favorecer a creación de novas empresas e oportunidades". A este respecto, a rexedora municipal explicou que "desde o Concello de Lugo levamos tempo traballando en iniciativas como o Lugo Transforma, un fondo de capital risco que involucra a institucións públicas e a entidades privadas na procura do crecemento empresarial, ou os viveiros de empresas do CEI Nodus e A Tinería".
Ademais de procurar ese crecemento económico, a alcaldesa de Lugo puxo o foco no progreso medioambiental, que "debe ir parello, co avance e a implantación de políticas que aposten polo respecto ao noso patrimonio histórico, que no caso de Ferrol e Lugo, ten o seu maior expoñente nos seus centros históricos". Neste sentido explicou que "o Goberno Local de Lugo estamos a facer un importante esforzo para avanzar nese novo modelo de cidade, creada para os lucenses, cunha zona de baixas emisións e cun centro histórico do que poder desfrutar e que será motor de cambio para Lugo e agardo que tamén para Ferrol.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, tamén destacou os lazos que unen a Ferrol con Lugo e que "sustentan un irmandamento oficializado no ano 2000 pero de longa tradición popular. Son moitos os paralelismos entre ambas urbes e a historia dos nosos pobos é testemuño do seu carácter loitador, que nos permite seguir camiñando xuntos cara ao futuro coa intención de mellorar o presente e deixar un territorio aínda máis próspero ás vindeiras xeracións", sinalou.
Rey Varela tamén se referiu ao reto demográfico compartido con Lugo e insistiu "na necesidade de continuar na senda do desenvolvemento das comunicacións e do progreso para que ninguén teña que deixar os nosos excepcionais territorios".