O circuíto Larsa Corre con Nós acolle este vindeiro domingo a segunda das probas contempladas no calendario deste circuíto municipal popular, que percorrera as inmediacións do centro comercial As Termas, con catro percorridos diferentes para disputar outras tantas categorías. O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destaca que "chégase a esta segunda proba do Corre con Nós cun novo récord de participación, trala inscrición de 2.237 atletas de todas as idades, fronte ás 1.957 persoas inscritas na primeira carreira deste ano, a nocturna celebrada hai pouco máis dun mes".
Isto, a xuízo do edil responsable desta área demostra que "o deporte no concello de Lugo segue a ser un dos grandes activos desta cidade, e este circuíto municipal gratuíto é unha das grandes apostas deportivas do Concello, no que se está a demostrar, por unha banda, a excelente colaboración público-pivada, e por outra, que a participación de atletas de todas as idades neste circuíto, que xa leva 24 edicións, está en continuo auxe".
Así o explicou Jorge Bustos na presentación desta segunda proba, na que estivo acompañado do xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño, para dar visibilidade a esta carreira e a unha colaboración de moitos anos para a disputa deste circuíto municipal popular.

Unha das grandes novidades da segunda proba do Corre con Nós, que se disputará o domingo desde as 12.00 horas, con saída no aparcadoiro superior do centro comercial, é o cambio do percorrido habitual para a categoría de adultos, que amplíase polas rúa 8 de Marzo e rúa Leira Mollada, para cubrir unha distancia total de 5.720 metros. Pola súa banda, as categorías sub 14 a sub16 percorrerán 1.700 metros; 900 metros, as e os atletas de sub10 a sub12; e 300 metros de distancia para as e os inscritos na categoría mini. A información da proba, con todas as saídas e chegadas desde o aparcadoiro superior do centro comercial As Termas, e as clasificacións do circuíto están aloxadas na páxina web do circuíto: https://correconnos.com/.
Esta segunda proba, que discorre por asfalto e terra, percorrerá as inmediacións dos aparcadoiros do centro comercial, así como as zonas axardinadas anexas e arredores da residencia de Maiores Albertia, sen que se vexa afectada a circulación periférica dos vehículos que transiten preto do centro comercial. O acceso ao centro comercial se poderá efectuar pola parte inferior e a saída dos vehículos estará habilitada desde o aparcadoiro superior do centro.
As e os atletas que rematen a proba do domingo e que aparezan no listado das clasificacións finais, poderán recoller a súa camiseta oficial do Circuíto Larsa Corre con Nós 2026, coa que se obsequia aos deportistas participantes, e que poderá retirarse desde o 20 de abril ao 24 de maio, no punto de información da pranta superior de As Termas, en horario comercial, de luns a venres.





Guía de San Pedro Alcántara
Comentarios
Aviso





