O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na presentación da VII Foliada da Fonsagrada organizada pola asociación Peta Pouco e a Destempo. A Casa do Concello acolleu este acto no tamén participaron o Alcalde fonsagradino, Carlos López, o primeiro tenente de Alcalde, José Ángel Fernández; a concelleira de Cultura, Turismo, Educación e Formación, María del Mar Testa; e os representantes da asociación organizadora, Jorge López, Ángel Gegundez e Adrián Méndez.
Rivera Capón destacou a traxectoria deste evento que se celebrará do 8 ao 10 de decembro na Fonsagrada, porque, "en pouco tempo, converteuse nun éxito rotundo, e dende hai xa varios anos é todo un acontecemento cultural e social que reúne a milleiros de persoas chegadas de toda a provincia, de Galicia e de Asturias". Durante as tres xornadas, nas que haberá música, obradoiros e distintas actividades culturais "darase valor ao noso patrimonio inmaterial vinculado ás nosas raíces, a nosa música e a nosa danza tradicionais", destacou o Deputado.

Este evento consigue "recuperar e poñen en valor as tradicións da montaña lucense e converter toda esa riqueza cultural nunha oportunidade económica para o rural", asegurou Pablo Rivera. "Un obxectivo co que estamos plenamente comprometidos na Deputación, porque cremos, e a realidade así o demostra, que o noso rural, concellos como A Fonsagrada, están cheos de ideas, de boas iniciativas, de proxectos, que o que necesitan é apoio, colaboración, para saír adiante", sinalou.
A Deputación de Lugo colabora na difusión desta cita a través do Servizo de Audiovisuais da institución provincial. Dende o seu nacemento trátase dunha cita na que se homenaxea aos músicos fonsagradinos. Na sétima edición, terá como protagonista a Ramón do Chiculateiro, gaiteiro da aldea de Fumallor.