A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza a favor das actuacións do Concello de Ourense sobre o edificio construído na confluencia das rúas Cardeal Quevedo e Xoaquín Lorenzo "Xocas", xunto ao edificio dos Franciscanos. Polo tanto, delega na promotora a responsabilidade de presentar, no prazo de tres meses -prorrogable por outros tres- un proxecto para a legalización de todas as actuacións que se atopen fóra do proxecto inicial.
O alto tribunal galego entende que non se debe retrotraer o procedemento de reposición da legalidade urbanística ao momento anterior a ditar a resolución, como pretendía a sociedade mercantil e confirmaba a sentenza ditada polo xulgado contencioso administrativo número 1 de Ourense en data 23 de decembro de 2022. Aquela sentenza estimaba parcialmente o recurso do promotor anulando o decreto do concelleiro delegado de urbanismo.
O Concello de Ourense apelou a sentenza, e o Tribunal Superior de xustiza de Galicia asevera que esta incumpre o artigo 152.3 c) da Lei do Solo de Galicia, polo que o Concello "cumpre estritamente co devandito precepto legal no que non cabe a formulación efectuada pola xulgadora dunha valoración previa dunha legalización futura, que parece trasladar o incumprimento á administración cando é ao contrario". Ademais, engade: "Será a parte -a sociedade mercantil- a que deberá propoñer as adaptacións necesarias que acomoden a construción novamente ao título habilitante e tras iso valorarse a proposta polo Concello".
En conclusión, o TSXG confirma que o decreto da Concellería de Urbanismo -anulado posteriormente polo xulgado do contencioso- era correcto, e agora require o interesado para que no prazo de tres meses presente a oportuna licenza respecto das obras que sexan legalizables e que o Concello ordene a demolición daquelas que, apartándose do proxecto, non sexan susceptibles de legalización.