A cidade de Ourense despedirá 2023 e recibirá 2024 con carreiras populares: a San Silvestre do 31 de decembro e a Subida á Costiña de Canedo do 1 de xaneiro. Esta mañá o salón de plenos do Concello acolleu a presentación destas dúas tradicionais citas do calendario deportivo da cidade, nun acto no que participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez, o presidente do Club Ourense Atletismo, José Antonio Álvarez, xunto ao tamén integrante deste club, Óscar Seoane, e o organizador da Subida á Costiña de Canedo, Saturnino González.
Son dous eventos "moi bonitos e complementarios", segundo destacou o alcalde, quen animou a cidadanía a participar nas carreiras. "Non hai mellor forma de acabar o ano deportivamente e de comezalo que con estas dúas probas. É unha auténtica marabilla ter esta dualidade", asegurou.

A VIII Carreira Popular San Silvestre Ourensá está organizada polo Club Ourense Atletismo e o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense coa colaboración da delegación en Ourense da Federación Galega de Atletismo. Será o domingo, 31 de decembro pola tarde, con 3 categorías:
- Absoluta (4.66 km), ás 16.30 horas. Serán 2 voltas a un circuíto polo centro histórico: Rúa do Paseo, Lamas Carvajal – Praza Maior – Colón – Padre Feijóo – Dous de Maio – Prieto Nespereira – Hernán Cortés – Cardeal Cisneros – Paza do Trigo – Praza dos Suaves – Praza do Correxidor – Lúa – San Francisco – Pérez Serantes – Avenida de Bos Aires – Rúa Bedoya – Parque de San Lázaro – Rúa do Paseo.
- Sub10, 12 e 14 (1 km) ás 16.15 h Rúa do Paseo, 1 – Rúa Lamas Carbajal – Praza Maior – Rúa Barreira – Rúa Cervantes – Rúa Perigo – Rúa Colón – Praza Maior – Rúa das Tendas – Rúa da Paz – Praza do Ferro – Rúa Santo Domingo – Rúa Cardeal Quiroga – Rúa do Paseo
- Pitufos (70 m.), ás 16.00 h (Rúa do Paseo)
As inscricións pódense realizar até o día 27 de decembro a través da páxina web de Carreiras Calegas (www.carreirasgalegas.com) a un prezo de 7 euros (só é de pago a categoría adulta)
Pola súa banda, a Subida á Costiña de Canedo chega xa á súa edición número 31, tras celebrarse ininterrompidamente desde a súa creación, no ano 1994.
Co seu percorrido habitual, subindo unha das pendentes máis duras da cidade, desde a boca do túnel até o cemiterio, que as persoas participantes poderán realizar en bicicleta, correndo ou andando, tamén coa compañía de cans, se así o desexan, sen inscrición previa e cunha chocolatada ao final.