O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou hoxe en Madrid no encontro La España plural, organizado por El Periódico de España e o grupo Prensa Ibérica, no que reivindicou o papel das comunidades autónomas e da prensa rexional na construción dunha España cohesionada, diversa e moderna.
Durante o acto, o titular do Goberno galego salientou que o proxecto común de España debe basearse na cooperación leal entre territorios e no respecto á pluralidade que caracteriza ao país. Considerou que as comunidades son unha parte esencial desa riqueza colectiva, xa que coñecen mellor ca ninguén a realidade dos seus cidadáns e contribúen, desde esa proximidade, a impulsar o progreso conxunto do Estado.
Rueda destacou tamén o papel fundamental dos medios de comunicación rexionais, aos que atribúe unha función clave para que cada territorio se sinta escoitado e visible dentro do conxunto de España. Na súa opinión, cando se dan espazo a todas as voces e se recoñecen as distintas sensibilidades, o país resulta máis forte, máis equilibrado e máis xusto.
No marco da celebración do Día da Hispanidade, o xefe do Executivo autonómico subliñou a importancia de manter vivas as raíces comúns (a historia, a lingua e os lazos culturais que unen a millóns de persoas), ao tempo que se aposta por unha visión moderna e inclusiva. Defendeu que modernizar non significa renunciar, senón poñer en valor esa herdanza desde unha mirada aberta e próxima ás novas xeracións.
Rueda concluíu que a fortaleza de España reside precisamente na súa diversidade e capacidade de atopar unidade na pluralidade, celebrando o que o país foi, pero sobre todo o que é hoxe: unha realidade plural con múltiples formas de sentirse parte dun mesmo proxecto compartido.