A Policía Local de Pontevedra detectou esta semana varios billetes falsos en distintos establecementos da cidade polo que solicita precaución e prudencia tanto aos comercio e aos veciños e veciñas.
A localización da moeda falsa foi posible grazas a informacións internas do corpo así como a algúns artigos dos medios de comunicación local, o que levou a habilitar dispositivos aleatorios de control e verificación de billetes en distintos puntos da cidade onde se tiña sospeita desta práctica.
O pasado luns, 8 de abril, nun destes controis de vixiancia identificouse a unha persoa nada en 1992, en posesión dun billete falso de 20 euros no medio doutros de iguais características pero de curso legal. Tamén nese día, noutro operativo nun local de lecer, interviñéronse dous billetes falsos de 50 euros logo de identificar ao seu portador.
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde advirte que a Policía Local continuará a facer estes controis de vixiancia, identificación e verificación e pide precaución e prudencia tanto aos establecementos comerciais como aos clientes para tratar de radicar esta práctica fraudulenta.