O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo resto da Corporación Municipal, presidiu esta mañá no Casa Consistorial a recepción ao rexedor de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e á corporación ferrolá, cumprindo así co acto de irmandamento de ambas urbes, nun ano no que se cumpren os 25 de unión. Os máximos representantes de Ferrol e Lugo coincidiron ao falar da importancia desta unión e os retos e desafíos compartidos, entre os que Miguel Fernández destacou "a conectividade territorial e a continua posta en valor do patrimonio histórico artístico e cultural, cos centros históricos como máximos expoñentes".
Na recepción desenvolvida no salón de plenos, houbo o tradicional intercambio de agasallos e tamén palabras para eloxiar e festexar unha unión de tantos anos. Neste sentido, o rexedor lucense lembrou que "en pouco máis dun mes celebraremos outros 25 anos, neste caso os da distinción da Muralla como Patrimonio da Humanidade". Precisamente, ao este respecto Miguel Fernández comentou que "sabemos que estades a dar novos pasos de cara á candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, coa que conseguir a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco e vos desexamos moita sorte para lograr esta distinción".
Nun acto como sempre emotivo e de gran respecto institucional, o alcalde de Lugo fixo fincapé en que "non podemos confundir cidades medianas con obxectivos menores. Pola contra, creo que Ferrol e Lugo están chamadas a vertebrar o avance do Norte de Galicia, sen perder de vista a súa esencia, pero tendo claras unhas metas que compartimos en eidos tan importantes como as comunicacións, a demografía e a posta en valor dos nosos centros históricos, chamados a ser motor de cambio para as dúas urbes".

Ademais, durante a súa intervención, o rexedor local explicou que "ser cidades vertebradas e ben comunicadas é un dos nosos obxectivos comúns. Por iso estamos traballando con outras administracións na mellora das comunicacións e da conectividade territorial. Sé que neste aspecto, como en moitos outros, imos da man con Ferrol".
Ademais desa comunicación co exterior, Miguel Fernández se referiu á interior. Neste sentido comentou que "unha urbe accesible e cómoda supón unha cidade aberta e acolledora. Diso creo que sabemos moito en Ferrol e Lugo, urbes nas que o centro histórico xoga un papel importante na trama urbanística, e que camiñan cara á peonalización, gañando espacios para os cidadáns".
Para rematar, o alcalde de Lugo dixo que "agarda que aos 25 anos de irmandamento que celebramos este ano lles sigan moitos máis e que con traballo e colaboración podamos ir cumprindo estes retos e desafíos para crear cidades abertas, sostibles, cheas de oportunidades, cómodas, accesibles e, ademais, no caso de Ferrol e Lugo, cidades únicas e irmás".
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, sinalou que esta cidade é "coñecida pola súa tradición naval e Lugo representa o corazón do interior da nosa terra, cunha historia profundamente ligada ao legado romano, cunha muralla que é Patrimonio da Humanidade". Ademais, comentou que "precisamente, en Ferrol, estamos a traballar intensamente para acadar ese mesmo recoñecemento por parte da Unesco, coa candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración".
Co respecto ás cuestións que comparten ambas urbes, José Manuel Rey Varela explicou que "Lugo e Ferrol son dous territorios con gran potencial que non sempre foron valorados como merecen, pero este irmandamento e a evolución de ambas cidades están a cambiar esta tendencia". Tamén falou de desafíos comúns en temas como a vertebración do territorio, as comunicacións, a integración no Corredor Atlántico e a creación de emprego, ao tempo que apelou a San Froilán para "seguir traballando na construción de pontes de entendemento e cooperación para deixar un legado de cidade en beneficio das xeneracións que están por vir".