Baixo o lema 'Mulleres adiante!', Pontevedra volverá saír ás rúas neste mes de marzo co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, para amosar o seu avance imparable na loita por acadar unha igualdade real de dereitos e oportunidades. Para conmemorar esta data, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deseñaron un ano máis un intenso e variado programa de actividades que arrincará o martes 7 de marzo ás 11:30 horas no Concello coa lectura do manifesto a cargo da xornalista Natalia Puga, á que se lle encargou este ano a súa redacción (gravarase e difundirase dita lectura a través da web pontevedra.gal e das redes municipais), e o despregue dunha intensa campaña gráfica, que abrangue a instalación dunha pancarta no balcón da Casa da Luz (o mesmo martes 7, ás 11:50 horas), a distribución de carteis por mupis e por diversos puntos do centro urbano e das parroquias e o reparto de paraugas conmemorativos a través do CIM.
O programa foi presentado esta mañá no Concelllo nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a deseñadora gráfica pontevedresa Sara Docampo, graduada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, autora da campaña gráfica deste ano. Blanco fixo fincapé na necesidade de que, ao igual que Natalia Puga, "as xornalistas e as mulleres que son coñecidas na cidade tomen a palabra e visibilicen a loita que debemos afrontar tódolos días" e amosou o seu desexo de que "algún día non teñamos que facer estas roldas de prensa, non exista o 8 de marzo e non haxa Concellería de Igualdade, porque iso significará que a igualdade é real e efectiva".
Sara Docampo asegurou que lle fixo "moitísima ilusión poder deseñar este cartel para o 8M" na súa cidade e que "a idea principal" que o inspirou é "que o feminismo pode mover o mundo e, sobre todo, que neste día 8M as mulleres teñen que dar un paso adiante e saír ás rúas para seguir loitando pola igualdade neste país". Pola súa banda, Mercedes Renda lembrou que o 8M "é realmente unha escusa para poñer o foco nos problemas que as mulleres temos a diario para acadar esa igualdade real", pero "no CIM trabállase durante todo o ano e a memoria de 2022 reflicte que atendemos a 230 vítimas de violencia de xénero, incluíndo a asistencia psicolóxica, o asesoramento xurídico, a información sobre recursos, as necesidades de axudas e conciliación, as dificultades para o emprego, o teito de cristal e o chan pegañento...". "Pero o máis urxente e escandaloso -engadiu Renda- é a loita contra as violencias. O ano pasado centrámonos moito no tema das violencias sexuais e puxemos sobre a mesa a importancia da educación sexual. Hai que volver ao máis básico. As opresións e as violencias tamén se adaptan a cada cambio".

- O do 22 de marzo será un Faladoiro sobre a Lei de Liberdade Sexual ('Só si é si'), estará moderado pola xornalista María Varela e contará coa participación de Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en Violencia Machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.
- O do 29 de marzo leva por título 'Faladoiro literario feminista: a incorporación da perspectiva feminista na literatura actual', estará moderado pola xornalista Chus Gómez e contará coas autoras Ana Cabaleiro López e Lorena Conde Martínez, abordando o contido das súas obras 'Deixádenos remar' e 'Velloucas e minchas'.
Ao longo das vindeiras semanas tamén se porá en marcha o programa de actividades destinadas a mulleres das parroquias do rural Somos Quen 2023, que manterá o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 15 de marzo e que, a través de asociacións de mulleres e demais tecido asociativo do rural, oferta diversos cursos a realizar ata o mes de xullo. Tal e como apuntou Yoya Blanco, "as actividades entre as que se pode escoller céntranse en tres grandes bloques: Actualízate (Dispositivos dixitais, Márketing online, Oratoria e Activismo feminista), Creatividade (Cestaría, Arteterapia e Fotografía e Comunicación visual) e Saúde e Benestar (Botica natural e benestar, Estimulación cognitiva e psicomotriz, Risoterapia, Bailoterapia, Ioga, Pilates, Automasaxe relaxante, Alimentación e nutrición saudable)".
A concelleira de Igualdade indicou que "a partir do 21 de marzo tamén se iniciarán as actividades do programa de empoderamento feminino Xuntas, dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade". "Tódolos martes, de 10:30 a 12:30 horas, durante seis meses, no primeiro andar do CIM, as participantes traballarán na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da autoestima, mediante actividades de expresión corporal, teatro, risoterapia, baile, fotografía, técnicas vocais... O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de marzo", sinalou a concelleira do PSOE.
Actividades para alumn@s de tódalas idades
Desde finais de marzo e ao longo do mes de abril volverán aos centros de Educación Infantil e Primaria de Pontevedra, tralo éxito da convocatoria do ano pasado, os contacontos 'Na túa man. Contos para a Igualdade', da man de Raquel Queizás. E para o alumnado de 3º e 4º da ESO do concello de Pontevedra xa está en marcha o Concurso de Tik Tok pola Igualdade, para a visibilización, prevención e a denuncia da violencia de xénero. "O obxectivo desta acción -explicou Yoya Blanco- é impulsar a reflexión e a conciencia crítica do alumnado, ao mesmo tempo que desenvolven a súa creatividade. Inclúe a realización de palestras informativas presenciais nos centros educativos interesados (de momento xa están participando sete centros ), xuntando os grupos de cada nivel, nos que tamén se convida ao profesorado. As bases deste concurso faranse públicas esta semana, e o prazo para presentar vídeos estará aberto ata finais de abril".
Asemade, neste mes de marzo, procederase á distribución, nos centros educativos de Secundaria e Formación Profesional Básicas, así como nas bibliotecas do concello, do manual sobre educación sexual 'Sexo? Boa idea!', elaborado por Llerena Perozo e o equipo do CIM de Pontevedra con ilustracións de Sonia García Vidal. "Con esta publicación -apuntou a concelleira de Igualdade- pretendemos dar resposta a unha necesidade posta en evidencia o ano pasado: a carencia dunha correcta educación sexual, sa e respectuosa e a súa importancia á hora de facer fronte á violencia sexual. Malia que estamos ante un asunto que afecta a persoas de tódalas idades, debemos prestar especial atención á infancia e á adolescencia. Lembremos que a idade media de acceso a un teléfono móbil de uso persoal, con conexión ininterrompida, está nos oito anos. Nas páxinas desta guía, útil tanto para a mocidade como para persoas adultas, achegamos nocións para axudar a clarexar e previr o uso das redes neste sentido".
Homenaxe ao traballo das mulleres do barrio da Parda
A campaña deseñada polo 8M tamén traerá consigo unha nova edición do proxecto Mulleres da Vila, co que este se pretende visibilizar e homenaxear o traballo das mulleres do barrio da Parda a través dunha exposición fotográfica nos 15 establecementos que participarán e da difusión dun vídeo no que as protagonistas contarán as súas historias persoais e aos dos seus locais e falarán sobre conciliación, anécdotas que lles aconteceron nas tendas e consellos para mulleres que desexen emprender... Poñendo así en valor a coraxe, vontade, carisma e entrega que fixeron posible o seu éxito profesional e persoal.