A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou esta mañá que o Concello de Lugo esixirá formalmente á Xunta de Galicia un compromiso plurianual para acometer a reforma do cuartel de San Fernando co obxectivo de posteriormente convertelo na sede do futuro Museo da Romanización. "Esperamos que a Xunta deixe de idear manobras de escapismo e asuma dunha vez as súas competencias. A consignación de 500.000 euros é un xesto, pero é necesario que o compromiso se estenda segundo o solicitado ata alcanzar, como mínimo, a primeira fase da rehabilitación, cuantificada en máis de 2 millóns de euros, algo que nos situaría en disposición de acceder a outro tipo de liñas de financiamento como o 2% Cultural", sinalou a alcaldesa.
Alvarellos lamentou a improvisación do Goberno autonómico quen, ante a presión social, optou por introducir unha modificación orzamentaria "de présa e correndo e sen a planificación precisa" que non achega o investimento necesario e que tampouco permite deseñar un cronograma de traballo para abordar o proxecto, polo que solicitamos unha maior concreción en relación a estas e futuros investimentos".
"O Concello cumpriu coa súa parte investindo máis de 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble. Agora debe ser o Executivo galego o que financie os traballos da primeira fase que afectan á envolvente e á cuberta. Necesitamos que expliquen como e cando van realizar estes traballos. Non debemos esquecer que a conservación do patrimonio arqueolóxico é unha competencia exclusiva da Xunta.", dixo.

O obxectivo é, segundo explicou a rexedora, contar con certeza necesaria para involucrar neste proxecto ao maior número de institucións e así podelo completar no menor tempo posible para poder levar a cabo un traballo de investigación e divulgación sobre as máis de 15.000 pezas de gran valor histórico que se atopan almacenadas en dependencias municipais.
"O punto de partida e a folla de roteiro que debe guiar todo este proceso de rehabilitación é a proposta Perseo, redactada por Pedro Colón de Carvajal e Raquel Buj, gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta no seu día e que ademais conta co informe favorable do Icomos. A partir desta proposta, desde o Concello planificamos a execución dos traballos en catro fases cun anteproxecto que agora será necesario actualizar para adaptalo á normativa actual, pero antes necesitamos saber cal vai ser a dotación orzamentaria total de Cultura e como se vai a dividir por anualidades. Eles son os responsables de acometer a obra. De feito a Dirección Xeral do Patrimonio da Consellería de Cultura figura como promotor da obra neste Proxecto Básico de Execución", explicou Alvarellos.
"A estas alturas, a consignación anunciada non desbloquea a situación. É preciso contar con certezas por iso solicitaremos formalmente máis concreción. Non debemos esquecer que xa en 2010 a Xunta asegurou que o proxecto estaría redactado ese mesmo ano e que as obras se licitarían en 2011 cun investimento previsto de 10 millóns de euros. Catorce anos despois os e as lucenses seguimos esperando", concluíu a rexedora.